Domingo, 12 Jul. 2020

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Val Miñor Os deportistas debaten sobre o parque eólico na Serra do Galiñeiro.

Os deportistas debaten sobre o parque eólico na Serra do Galiñeiro.

Correo-e Imprimir PDF
cartaz-mesa-redonda-deprt

Oscar Pereiro, gañador do Tour de Francia 2006, Sechu López, montañeiro, Alejandro Gómez, atleta internacional, David Gómez, decatleta internacional , son algúns dos recoñecidos deportistas que darán o seu apoio á defensa da Serra do Galiñeiro. A Plataforma desenvolverá unha nova xornada de sensibilización e debate no seu obxectivo de evitar a instalación dun parque eólico nesa xeografía emblemática das Rías Baixas. Logo da multitudinaria participación de persoas na andaina pola serra do pasado domingo 20 de febreiro e mais as xornadas en Marrucho do venres pasado en Baiona, agora toca quenda ao Centro Cultural de Valadares. Ás oito do serán do xoves 3 de marzo a plataforma presentará un vídeo cunha recreación virtual do parque eólico proxectado no Galiñeiro pola Xunta de Galicia e a continuación unha Mesa Redonda dos Deportistas.

A proposta a desenvolver comezará co devandito vídeo onde a plataforma adiantou que se poderá observar o tamaño e lugar onde se colocarán os aeroxeradores. Logo, na mesa redonda, intervirán deportistas de proxección internacional, todos eles da mancomunidade de Vigo.

Debaterase sobre:

• As posibilidades de ocio e deporte que ten a Serra do Galiñeiro.

• As repercusións que se darían na Serra se non se protexe debidamente das agresións que sofre e das que a ameazan agora mesmo.

Así mesmo, a organización quere que ese acto una ao mundo do deporte cara a protección do medio natural, polo que anima a todas as entidades e clubs deportivos de Vigo e arredores, a que se dean cita ese día en Valadares, aínda que a súa disciplina non se practique no medio natural.

A plataforma tamén informa que ten xa programados para os vindeiros meses unha Mesa redonda sobre xeoloxía, xeomorfoloxía e covas graníticas, en abril e unha xuntanza de escaladores na serra do Galiñeiro no mes de maio.