Martes, 19 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Nace un movemento social “Pola protección da Serra do Galiñeiro”.

Nace un movemento social “Pola protección da Serra do Galiñeiro”.

Correo-e Imprimir PDF
cartel_mesa_redonda_galieiro

Catorce colectivos de diversa índole poñen en marcha unha campaña conxunta para conseguir a protección da Serra do Galiñeiro da instalación dun parque eólico. Coa intención de preservar os seu diversos valores, asociación de veciños como a de Vincios ou a do Casco Vello de Vigo, asociacións de montañeiros como Montañeiros Celtas ou a Federación Galega de Montañismo, asociacións ecoloxistas como Adega, A Ría Non se Vende, A Groba, Plataforma pola defensa da ría de Vigo “Cíes”, Salvemos Monteferro, S.O.S. Groba ou Verdegaia, a Comunidade de Montes de Vincios, o Clube de espeleoloxía “O Maúxo” e o Instituto de Estudos Miñoranos están detrás desta iniciativa.

Nun comunicado de prensa, o movemento afirma que “A Serra do Galiñeiro, lugar natural de encontro dos Concellos de Vigo, Gondomar, Mos, O Porriño e Tui, alberga numerosos valores ambientais, xeolóxicos, paisaxísticos, etnográficos, arqueolóxicos e sociais polo que as asociacións citadas pensamos que teñen que ser protexidos amparándose nas lexislacións europea, estatal, galega e municipal vixentes.”

As asociación fundamentan a solicitude de protección da serra no entendido de que trátase dun “referente paisaxístico para as bisbarras do Val Miñor, Vigo, A Louriña, Baixo Miño e O Morrazo, un rico patrimonio xeolóxico e hábitats que acollen flora e fauna de escasa presenza en Galicia. Queremos seguir disfrutando dos petróglifos e das mámoas, das numerosas cavidades existentes na Serra, que foron abrigueiro de pastores e canteiros, e do seu rico patrimonio inmaterial. Queremos continuar coa xestión de aproveitamento multifuncional que moitas Comunidades de Montes fan do Galiñeiro.”

A nota de prensa continúa dicindo que “Toda a Serra ofrece numerosos servizos económicos, de lecer, deportivos e culturais nunha área tan densamente poboada como é a área metropolitana de Vigo, aos que temos que sumar os aspectos didácticos relacionados coas Ciencias Naturais e Sociais. O Galiñéiro abastece as traídas de augas da veciñanza de toda esta área e tamén acolle pastoreo de gando ceibe: cabalos, vacas, ovellas e cabras. Denunciamos os Proxectos e actuacións altamente impactantes que destragan a Serra, impulsados por un desarrollismo que ignora as súas catastróficas actuacións: plantacións de especies foráneas como eucaliptos ou piñeiros, zonas inzadas de acacias, proliferación de canteiras, moitas delas ilegais, e outras sen a debida restauración. Presión de grandes infraestruturas como a construción de parques eólicos, estradas de circunvalación de áreas urbanas, son novas ameazas que se suman ao deterioro habitual de pistas e movementos de terra sen control, aos vertedoiros incontrolados de lixo e entullos, ao tránsito frecuente de motos de cross e quads fora dos camiños e incluso á acampada ilegal. “

A primeira actividade conxunta do movemento será un debate que terá lugar na Aula de Cultura “Pontes das Rosas” de Gondomar (Avda. da Feira, nº 10) o vindeiro martes 28 ás 20 h sobre as figuras de protección máis acaídas para esta serra, os efectos da declaración desas figuras, os usos compatibles e a influenza socioeconómica e os valores da serra. Neste debate participarán Francisco J. Benítez Gómez, biólogo e Director Técnico da Consultoría de Estudos de Impacto Ambiental ALCIONE, Adolfo Cordero Rivera, Catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo e ex membro do Observatorio Galego sobre a Conservación da Natureza, e Gonzalo Puerto Arribas, Director do Parque Natural do Monte Aloia e Técnico Provincial da Rede Natura en Pontevedra.

En vindeiras datas, o movemento anuncia que comezaranse a levar a cabo outras actividades como roteiros pola serra, debates con deportistas, actividades con escolares, un concurso fotográfico etc.