-O pleno das preferentes en Gondomar será ás 9 da mañá do luns, non terá carácter monográfico e a intervención dos veciños afectados terá lugar antes do inicio da sesión.
A semana pasada os concelleiros de ANOVA Gondomar (non adscritos) solicitaron formalmente un pleno monográfico sobre o tema das preferentes e subordinadas que afectan a máis de 400 veciños do municipio. A solicitude incluía que na reunión se dera voz aos veciños afectados e nucleados na Plataforma . Tamén pedían que a reunión se celebrara a partir das 20 horas (horario habitual destas sesións) para permitir a maior concorrencia de cidadáns á cita. Nembargante, o Concello de Gondomar convocou á corporación para as 9:30 horas da mañá do vindeiro luns 25 de marzo, agregou temas pendentes doutros plenos no orde do día e por riba limitou a participación dos aforristas estafados en 30 minutos, e fóra do horario formal do pleno.
A resolución de alcaldía non caeu ben en filas nacionalistas. O concelleiro Emilio García Crego (ANOVA), manifestou que o rexedor Fernando Guitián non consultou aos solicitantes á hora de facer estas modificacións, nembargante recoñece que as mesmas están dentro do marco da legalidade. O edil entende que o proceder do alcalde “pode ser legal pero non foi elegante”.
Así as cousas, ás 9 horas do luns os aforristas contarán con 30 minutos para falar nas instalacións do Auditorio Lois Tobío, fronte aos concelleiros municipais que recibiron unha convocatoria formal para as 9:30h, pero co aviso de que medio hora antes tería lugar a devandita intervención.
En filas da plataforma a decisión de alcaldía tampouco foi ben recibida. Consultada a portavoz, Rocío Cambre, sinalou que estaban realizando contactos ca fin de que se respectara o horario das 20 horas, solicitado orixinalmente. Nembargante, amosou a súa desconformidade co feito de que o pleno perder o carácter monográfico, punto do que non estaba informada ao momento da consulta. Os aforristas manterán este venres unha reunión para tomar posición sobre o punto.
Orde do día proposto pola alcaldía
Finalmente o pleno extraordinario abordará seis propostas relativas ao tema das preferentes –presentadas por ANOVA- máis dous temas da alcaldía que quedaran pendentes dos plenos anteriores, por mor das protestas da Plataforma de aforristas estafados. As mesmas abordarán a estimación parcial das alegacións presentadas durante o prazo de exposición ao público e no seu caso aprobación definitiva da modificación das Ordenanzas fiscais reguladoras da taxa pola prestación do servizo de subministro e distribución da auga; e a aprobación inicial da modificación da ordenanza municipal de carga e descarga.