Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía ANOVA - Gondomar esixe a inmediata paralización da venda de NGB mentres non se devolva o diñeiro expropiado aos aforradores.

ANOVA - Gondomar esixe a inmediata paralización da venda de NGB mentres non se devolva o diñeiro expropiado aos aforradores.

Correo-e Imprimir PDF
afectados pleno gondomar

-A iniciativa redactada polo concelleiro Emilio García Crego será levada ao pleno de Gondomar deste xoves 3 de outubro.

-Tras unha exposición de motivos que afonda nos intereses políticos e económicos que agocharía o proceso de venda do banco galego, García Crego plantexa unha auditoría con participación do Parlamento de Galicia de todo o proceso de arbitraxe das preferentes e subordinadas.

-A iniciativa pretende que a través da Xunta se solicite ao FROB a paralización da venda de Nova Calicia Banco “mentres non se devolva o 100% do diñeiro expropiado aos aforradores que contrataron Participacións Preferentes e Obrigas subordinadas”.

“Temos dereito a pensar que algún dos condicionantes da posible venda sexa a permanencia do actual equipo de Dirección do Banco”.

O ex director de Caixanova Gondomar e actual concelleiro neste municipio, Emilio García Crego é o redactor dunha iniciativa nada no grupo local de ANOVA, que pretende obrigar á Xunta de Galicia a trocar a folla de ruta “encamiñada a poñer a este Banco nas mans dun fondo de investimento americano (Guggenheim Investment)”, nunha conversión de NCG nun “Banco Público Galego” . Sendo para os nacionalistas a “única alternativa para que o financiamento chegue a particulares, empresas ou Concellos e para que se recupere a Obra Social tanto en investimentos referidos á economía produtiva como ao apoio á cultura, sanidade ou ensino.”

No documento, García Crego advirte que os investimentos no estranxeiro deste fondo (Guggenheim Investment),  non están garantidos polo goberno de Estados Unidos, nin sometidos ás normas do Banco Central Europeo; así como que algúns dos seus executivos proceden da desaparecida Goldman Sachs. “Polo tanto temos dereito a pensar que algún dos condicionantes da posible venda sexa a permanencia do actual equipo de Dirección do Banco”, engade.

Transparencia informativa da Xunta ante o Parlamento Galego do feito por José Mª Castellano.

Ante a desconfianza que esperta en filas nacionalistas a condución do proceso de venda en mans de José María Castellano, Presidente Executivo de NCG BANCO, S.A, presentarán como primeiro punto do acordo plenario, enviar un escrito ao presidente Núñez Feijoo, para que “facilite aos representantes no Parlamento Galego o caderno de vendas que fixa o valor de NCG BANCO no momento actual e que concreta os créditos fiscais da operación”.

Solicitar que o FROB manteña o horizonte de 2017 requerido por Bruxelas para o saneamento total do Banco

Sinala o concelleiro que Bruxelas, no seu  Memorandum de Entendemento (MOU) fixa de prazo ata 2017 para o saneamento de NCG e para a devolución de cerca de 9.000 millóns de euros recibidos para sacar a flote á institución galega. Alerta que nestes momentos o Banco de Santander, BBVA e Caixabank están facendo o “paripé” para “simular un interese que non teñen na compra de NGB”.  Neste senso acusa a Castellano e Feijoo de intentar vender “a idea de que NCG BANCO está saneado o que pode atraer novos investidores capaces de recomprar ao FROB a súa participación”.

As garantías “prometidas” aos fondos americanos

Castellano “presentouse como solución a todos os problemas cargado de promesas de atraer pola súa cara bonita unha chea de millóns en pouco tempo”,  denuncia García Crego . “Eso sí, faltoulle tempo para enganar, con balances falseados, a 17 empresas de capital galego que hoxe reclaman por vía xudicial o diñeiro investido”, denuncia.

Lembra que no ano 2010 os “amigos investidores americanos” non aparecían por ningún lado. “Por que non aparecían? Porque querían garantías.” Polo cal, acusa, a “tarefa dos señores Castellano e Feijoo” foi “mandar á rúa a milleiros de traballadores, pechar sucursais non rendibles que en moitos casos cumprían un papel fundamental como elementos de fixación dunha poboación dispersa, sobre todo no rural galego”.

Auditar o proceso de arbitraxes desenvolvido cara aos clientes estafados.

Neste obxectivo, segundo García Crego púxose en marcha o proceso de arbitraxe para a devolución de Preferentes e Subordinadas “totalmente opaco que intentaba diminuír o problema social causado pola venda de produtos tóxicos intentando así desmobilizar a 80.000 clientes estafados por toda a xeografía galega”. Polo cal, a moción que presentará no pleno de Gondomar deste xoves, tamén plantexará esixir a través dun escrito ao presidente da Xunta, que someta este arbitraxe “a unha auditoría con presenza de representantes do Parlamento Galego para que non queden dúbidas sobre a limpeza das decisión tomadas en presenza do Instituto Galego de Consumo”.

“Os señores Feijoo e Castellano pensaban que o proceso de «canxe ou quita» ía parar a marea de protestas e equivocáronse”, advirte. Nembargante, a “maioría dos xuíces, coñecedores das malas prácticas utilizadas no deseño e venda destes produtos emiten unha e outra vez sentenzas a favor dos clientes

Por todo isto, ANOVA solicitará que a Xunta de Galicia remita ao FROB  o pedido paralización da venda de NGB ”mentres non se devolva o 100% do diñeiro expropiado aos aforradores que contrataron Participacións Preferentes e Obrigas subordinadas”.

A iniciativa será discutida na sesión do pleno á vez que García Crego adiantou que o contido da mesma xa foi remitido ás autoridades nacionais de ANOVA así como aos representantes de AGE no parlamento.