O ex presidente de Novacaixa Galicia, Julio Fernández Gayoso, devolveu esta mañá a Medalla de Ouro outorgada polo concello de Vigo, tras decidir a corporación municipal retirarlla a raíz do escándalo das preferentes e as indemnizacións da caixa que o ten como imputado pola Fiscalía Anticorrupción xunto a outros ex altos cargos da entidade.
A medalla foi entregada no concello de Vigo esta mesma mañá por un familiar seu -segundo informou a canle TELEVIGO- acompañada dun escrito no que Gayoso afirmaría que trala decisión do pleno "non pode ter ese recoñecemento nin un día máis no seu poder". Segundo o informado pola canle viguesa, Gayoso recordou tamén neste escrito o seu implicación coa cidade durante máis de 60 anos e que malia que xa non teña a Medalla de Ouro "seguirá facendo o mesmo que ata agora".
Retirarlle a distinción foi unha proposta do BNG no pleno vigués que contou co apoio do PP e coa abstención do Partido Socialista do alcalde Abel Caballero.