Domingo, 6 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Baiona O PP de Baiona enche de militantes o Salón de Plenos para sacar adiante a sesión e impedir o ingreso de preferentistas.

O PP de Baiona enche de militantes o Salón de Plenos para sacar adiante a sesión e impedir o ingreso de preferentistas.

Correo-e Imprimir PDF
O alcalde só permitiu o acceso ao concello a un determinado grupo de xente

A Policía Local de Baiona impediu o acceso dos membros das plataformas de afectados polas preferentes e subordinadas así como o acceso aos cidadáns que acudían para presentar documentación no rexistro municipal. O certo é que dende primeiras horas da mañá un grupo de simpatizantes populares tiñan copado os asentos (medio baleiros na maioría das sesións), e só un preferentista madrugador puido colarse antes do peche das portas.

A portavoz do PSOE sinala que os simpatizantes que agardaban no salón de plenos dende as 8 da mañá, foron convidados ao almorzo.

O pleno, onde ían tratarse os orzamentos municipais finalmente celebrouse sen os concelleiros da oposición que decidiron abandonar a sala tras a negativa do alcalde Jesús Vázquez Almuíña de permitir o ingreso dunha representación dos manifestantes. Segundo denuncia a concelleira socialista Isabel Domínguez Quintas, dende as oito da mañá persoas afines ao PP, entre os que se atopaban membros da lista electoral, afiliados, colaboradores na campaña e incluso unha asesora do rexedor, ocuparon as poucas cadeiras existentes no salón de plenos.  Este mesmo punto tamén foi criticado pola concelleira do BNG, Ana María Rodríguez, que no uso da súa palabra no pleno, sinalou que ás 8 da mañá xa había xente agardando no salón de plenos.

Isabel Domínguez via máis alá e fala do pago e convite dun almorzo a todas estas persoas  "para que esperasen" ata as 12 horas, momento fixado para o inicio da sesión.

Agrega que a porta da sala incluso foi pechada con bridas nas trancas para que ninguén puidese abrilas. A partir dese momento os 15 axentes da Policía local e máis un continxente da Garda Civil se situaron ás portas do Concello e bloquearon o acceso incluso para os veciños que acudiron ás 8:30 da mañá, e precisaban facer xestións persoais nas dependencias da administración municipal.

Neste marco comezou a sesión plenaria en medio dos pitos e berros que chegaban dende as portas do edificio onde varias ducias de membros das plataformas pitaban e berraban cos seus reclamos. A voceira socialista Isabel Domínguez tomou a palabra e esixiu ao alcalde que permitira o ingreso a sala dunha delegación dos aforristas. Ante a negativa do rexedor os concelleiros opositores decidiron abandonar o pleno.

Foi nese momento no que o veciño de Baiona que cunha camiseta da Plataforma había logrado acceder á sala, increpou ao alcalde pola súa negativa. Espetoulle que aínda seguía á espera dunha chamada telefónica prometida polo rexedor para atendelo: "Seguro que mi número de teléfono lo tiró a la basura".

Na praza do Concello mantíñanse os pitos e os berros dos preferentistas que chegaron a recibir algúns golpes con porras de parte das forzas de seguridade, que teimaban en non deixar pasar a ninguén. A voceira da plataforma Gondomar, Rocío Cambra, insistía en que só querían que o alcalde os recibise, máis o dispositivo policial non rompeu o cerco.

Xa cos concelleiros da oposición fóra do pleno, o rexedor Almuíña defendeu a súa posición no senso da necesidade de celebrar a sesión para o ben do municipio. Afirmou que o PP de Baiona apoia o reclamo dos afectados, e denunciou á oposición de seguir o camiño "máis fácil" e "populista" ao abandonar a sala.

Finalmente, segundo testemuña da concelleira Isabel Domínguez, sobre as 14:30 horas o alcalde e os concelleiros populares abandonaron o local custodiados polos 15 axentes locais. Nese intre xa non quedaban manifestantes na praza do Concello.