Mércores, 6 Nov. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía O PP de Oia ameaza con pasar ao grupo mixto se os populares non mudan a súa política sobre as preferentes

O PP de Oia ameaza con pasar ao grupo mixto se os populares non mudan a súa política sobre as preferentes

Correo-e Imprimir PDF
xulio vicente

O grupo municipal do Partido Popular en Oia, que goberna o Concello con seis dos once concelleiros, abandonará a formación e pasará ao grupo mixto se os populares non mudan a súa actitude con respecto ao conflito das preferentes e subordinadas para que os afectados poidan recuperar todos os seus cartos. Ese é o compromiso ao que o alcalde Alejandro Rodríguez chegou cun grupo de afectados que esta mañá irromperon no pleno municipal e que obrigaron a suspender a sesión.

 

Os populares afirman compartir as reivindicacións dos afectados e nese senso comprometéronse a remitirlles senllas carta a Alberto Núñez Feijoo e a Luis de Guindos para instalos a modificar a súa política sobre as preferentes, alertándoos de que se PP non muda a súa actitude os concelleiros daranse de baixa como militantes da formación e pasarán ao grupo mixto. Pídenlles unha "resposta satisfactoria" sobre a súa petición dunha solución global para todos os afectados polas preferentes.

Nun escrito os concelleiros do PP afirman que os gobernos populares non están facendo "todo o posible" e critican as promesas lanzadas polo PP na campaña electoral en relación a que a arbitraxe lles daria solución a todos os afectados. Outros rexedores populares do sur de Galicia, moi presionados polas plataformas de afectados, realizaron declaracións nas últimas semanas nas que amosaban o seu descontento coa situación e nas que esixían "solucións" e que se "acelerase o proceso de arbitraxe". Xulio Vicente, un dos voceiro dos afectados, considera que a decisión que veñen de tomar os concelleiros populares en Oia é "a máis lóxica fronte ao escándalo da estafa que estamos sufrindo".

Na última gran manifestación convocada polas plataformas de afectados fíxose especial fincapé na responsabilidade dos alcaldes e concelleiros do PP en Galicia. Na súa denuncia esixíanlles que escollesen entre defender os veciños e defender o Partido Popular: "o PP quérenos roubar e non se pode estar a dúas bandas. Os alcaldes e concelleiros do PP deben presentar a súa dimisión. E se non nós temos que obrigalos". De feito, Xulio Vicente dirixíase no momento en que falou con Praza a entrevistarse co alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, para instalo a subscribir o mesmo compromiso ao que chegou o rexedor de Oia. As plataformas tamén se poñerán en contacto de inmediato coa alcaldesa do Rosal, Jesús María Fernández.

Na manifestación os afectados denunciaron que os populares "fixeron a campaña a conta nosa. Prometéronnos a devolución dos cartos a todos os afectados e afectadas", denuncian que isto constitúe "unha burla aos cidadáns" e conclúen que "din que están aí porque os cidadáns os votaron pero a verdade é que están aí porque nos enganaron".