Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán A pesar do intento do PP de blindar as portas do Concello de Nigrán os afectados polas preferentes rompen o pleno.

A pesar do intento do PP de blindar as portas do Concello de Nigrán os afectados polas preferentes rompen o pleno.

Correo-e Imprimir PDF
preferentes-nigran-abril

-O alcalde Alberto Valverde cita con carácter urxente á corporación para celebrar un novo pleno este xoves ás 12 horas. O mesmo non terá lugar no Salón de Plenos senón noutro recinto da Casa Consistorial nova.

- Ante a sospeita de que o pleno se poida celebrar a "porta pechada" para evitar o acceso dos afectados polas preferentes, o PSOE anuncia que de ser así os seus concelleiros non asistirán.

"Siéntese usted". Un cordón policial impediu un intento de diálogo dos aforradores estafados co alcalde.

Como adiantaba este medio nas redes , o alcalde de Nigrán tentou trasladar hoxe pleno á sala do novo edificio consistorial, para celebralo a "porta pechada"  pero sen a participación dos partidos da oposición que se negaron a asistir logo da suspensión definitiva do pleno ordinario. Valverde non permitiu a entrada aos veciños afectados pola estafa das preferentes que se atopaban agardando dende as 8 da mañá na porta do Concello ante o rumor de que o Partido Popular de Nigrán enchese o escaso aforo do salón de plenos con militantes e simpatizantes para xustificar a denegación de acceso ao pleno por falta de aforo. Finalmente só puideron acceder 5 persoas do colectivo de afectados, numeradas e previamente identificadas, mentres que o resto de afectados protestaba ás portas do concello ao son dos silbatos e os pitidos.  O goberno local tiña preparada unha vía de escape traseira por si precisaban saír do salón de plenos. O acceso aos baños públicos que conectaban  con esta vía improvisada de saída estaban bloqueados con valados e outros materiais de obra.

Rocío Cambra, portavoz dos afectados de Gondomar logrou acceder ao salón de plenos acompañada por un veciño de Nigrán afectad e os voceiros das plataformas de Tui, Condado – Paradanta e O Rosal. Eles, xunto cos medios de comunicación presentes, foron os únicos autorizados a acceder ao salón de pleno, onde un forte cordón policial impedía calquera contacto cos concelleiros ou co alcalde.

Cando a voceira tentou aproximarse ao rexedor para dialogar, denuncia que un membro da policía local impediulle o paso cun contundente: "Siéntese usted" afastándoa coa man. Nese intre o alcalde propuña trasladar a sesión a outro recinto da Nova Casa Consistorial co fin de celebrar o pleno a porta pechada ante a imposibilidade dados os fortes pitidos e berros dos afectados que non puiederon acceder ao salón de planos. A proposta foi rexeitada polos concelleiros da oposición, que no caso do PSOE non chegaron a sentarse nos seus postos e optaron por sentarse cos veciños afectados en sinal de protesta ao bloqueo de acceso e á "militarización" do acto plenario.

Pleno extraordinario e urxente convocado para este xoves ás 12 horas.

No correr da tarde os concelleiros de Nigrán recibiron unha convocatoria urxente para celebrar o pleno este xoves ás 12 horas. O citado pleno  terá lugar "nas dependencias da  Casa consistorial", seguramente no novo salón de Actos do novo edificio consistorial.

Nese senso, dende o Partido Socialista alertan que temen que o pleno se celebre a porta pechada ou cun acceso restrinxido polo cal anuncian que de confirmarse as súas sospeitas, non asistirán á sesión. Por outra banda, os socialistas acusan a Valverde de actuar de forma "irresponsable" e de xeito "antidemocrático", ao impedir o acceso dos veciños na sesión da mañá.

"Pechar as portas da casa consistorial, pretender encher o salón de plenos con militantes do PP (incluído o propio pai do Alcalde), impedir o acceso libre ao pleno, tapiar con táboas todas as entradas e saídas do salón ou tomar a casa consistorial polas forzas de seguridade é un intento de converter aos estafados e roubados polas preferentes en delincuentes sen pensar que o único que pretenden e visualizar un gravísimo problema e conseguir o respaldo das corporacións e dos representantes do PP, partido que goberna na Xunta e no Estado e debe poñerse, dunha vez por todas, do lado dos estafados e non dos estafadores" son algunhas das acusacións que os socialistas fixeron nun comunicado aos medios co respecto ao actuado pola alcaldía na xornada do mércores.

Con respecto ao pleno deste xoves, o PSOE sinala que a "convocatoria urxente dun novo Pleno debería conlevar, e así o esiximos, a posible participación no mesmo daqueles cidadáns que o consideren e polo tanto si o Pleno se celebrara a porta pechada, escondidos dos cidadáns como si se tratara dun acto reprochable ou ilegal, os representantes do Partido Socialista non estarían dispostos a ser cómplices de esta nova actitude antidemocrática de Alberto Valverde e polo tanto non participarían do mesmo".