Venres, 26 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía Ex director de Caixanova Gondomar "os traballadores tamén fomos enganados coa venda de productos tóxicos"

Ex director de Caixanova Gondomar "os traballadores tamén fomos enganados coa venda de productos tóxicos"

Correo-e Imprimir PDF
garcia crego entrevista

- Emilio García Crego, ex director da oficina de Caixanova en Gondomar desafía ao presidente de NovaGalicia Banco, José María Castellano, a que desminta publicamente a información relativa aos traballadores das caixas. "Foron tan enganados como os afectados na venda de produtos tóxicos", en referencia as accións preferentes e débedas subordinadas.

Emilio García Crego, concelleiro non adscrito da formación nacionalista ANOVA en Gondomar, comunicouse con Valminor.info para facer pública a súa solidariedade co seu antigo compañeiro Manuel Paradela, ex subdirector de Novagalicia Banco en A Estrada, e actual concelleiro polo PSOE, agredido por un preferentista o pasado venres.

"Quero expresar a miña solidariedade con Manolo Paradela, compañeiro de Caixa Galicia da Estrada e concelleiro coma min que está a sufrir coa súa familia as consecuencias de que o señor Castellano non teña o que hai que ter para saír aos medios de comunicación dicindo que os antigos e actuais traballadores das caixas galegas fomos tan enganados como os afectados na venda de produtos tóxicos", sinalou nunha conversación telefónica.

García Crego, que ten un compromiso público pola causa dos afectados polas preferentes e subordinadas, afirmou que "Poderíase pensar que o facían por presións, por cumprir obxectivos. Non! Fomos tan enganados como afectadas e afectados", sinala.

"Non é a primeira vez que defendo a inocencia dos antigos e actuais traballadores das antigas Caixanova e Caixa Galicia, non é a primeira vez que defendo a non violencia, nin física nin verbal. Isto arránxase pacificamente, con firmeza, con convicción, todo o que queiramos, pero, por favor, sen violencia!, exclamou o concelleiro.

Onde están os culpables?

"Se buscamos culpables atoparanse na alta dirección de caixas e bancos, nas patronais bancarias, na CNMV, no Banco de España e nos Ministros de quenda desde a primeira emisión en 2003 ata agora", respondeu Emilio García Crego.

Nos próximos días Valminor.info publicará unha entrevista feita en conxunto con Gondomar.tv ao ex director da sucursal Caixanova en Gondomar, e actual concelleiro por ANOVA, Emilio García Crego.