Venres, 19 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía Os afectados polas preferentes ameazan con 'quitarlle' 1.200 millóns a Novagalicia

Os afectados polas preferentes ameazan con 'quitarlle' 1.200 millóns a Novagalicia

Correo-e Imprimir PDF
Protesta dos afectados en Gondomar

Novagalicia Banco pode verse metida en serios problemas se os afectados polas participacións preferentes levan a cabo a nova medida de presión proposta pola coordinadora galega das diferentes plataformas do país. A decisión semella definitiva, chegou tras un acordo "unánime" e os estafados só agardan ao momento para poñela en marcha. A idea: que os máis de 32.000 clientes que -logo doutra quita- recuperaron parte do seu diñeiro a través do Fondo de Garantía de Depósitos (FGD) retiren agora todos eses cartos do banco, ao que habería que engadirlle a cancelación masiva de contas por parte dos preferentistas que accederon a arbitraxe para que lle reintegrasen os seus aforros. En definitiva, serían até 1.200 os millóns que poderían saír da entidade bancaria, segundo os cálculos dos colectivos, ao sumarse aos 800 millóns que o FGD reintegrou aos clientes do banco uns 400 máis dos recuperados a través da arbitraxe.

 

A idea é que os máis de 32.000 clientes que recuperaron parte dos cartos polo FGD os retiren, así como os que accederon á arbitraxe

Pero hai máis, xa que as plataformas galegas de afectados, que nos vindeiros días comparecerán publicamente para detallar a iniciativa, farán "un chamamento á cidadanía" para que "se una" a esta protesta en forma de retirada masiva de cartos e Novagalicia. "A única entidade que teño e tiven toda a vida é NGB, pero se te rouban, que fas? Eu sempre defendín que tiña que haber un banco galego, que debiamos pelexar polos aforros, pero non marchar da entidade, pero agora só nos queda buscar máis medidas de presión porque o problema non está arranxado", explica Xulio Vicente, voceiro do colectivo do Baixo Miño. "Queren roubarnos 600 millóns de euros, pero nós sabemos que con esta iniciativa podemos poñer o banco en serios problemas", advirte.

"Sabemos que con esta iniciativa podemos poñer o banco en serios problemas", advirten os afectados

A intención é que a retirada de cartos se faga "de maneira inminente" en diversas quendas polo que comezaría, a moito tardar, xa no vindeiro mes de agosto. Retiraríanse o diñeiro masivamente en diferentes puntos de Galicia cada quince días ou un mes, coa intención de que se faga visible a indignación duns afectados que seguen presionando a entidade e o FROB para que se reabra unha vía extraxudicial que lle permita aos clientes recuperar todo o diñeiro. "Que non se faga negocio a conta nosa; lembremos que hai unha morea de escritos de alcaldes e cargos do PP comprometéndose a recuperar os nosos aforros, pero ao final o que fixeron foi lexitimar un roubo", insiste Vicente, que advirte tamén que os estafados "seguen e seguirán na rúa".

A intención é facer a retirada masiva en distintas quendas e en diferentes puntos de Galicia xa desde o vindeiro mes de agosto

Por iso, para continuar coa presión, xa teñen convocada unha manifestación o vindeiro día 10 de agosto en Sanxenxo, habitual lugar de vacacións para o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, que desta vez optou por Ribadumia para escapar precisamente da indignación social contra o seu Goberno. "Sabemos que seguramente non estará alí, pero non hai sitio máis significativo do verán galego onde manifestarse", explica Xulio Vicente, que se queixa de que a visibilización que se lle dá agora ás manifestacións dos preferentistas é "moito menor, como se o problema estivese arranxado". "Nin moito menos; seguiremos pelexando", conclúe.