Xoves, 25 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía Novagalicia será subastada en outubro tras recibir 9.000 millóns públicos

Novagalicia será subastada en outubro tras recibir 9.000 millóns públicos

Correo-e Imprimir PDF
Presentacion do acordo de fusion das caixas

O ministro de Economía presenta como un logro que quen a compre non recibirá máis cartos dos contribuíntes. Os estafados coas preferentes seguen a mobilizarse mentres medran as especulacións sobre os posibles compradores.

Luís de Guindos declarou hoxe á Axencia Efe que Novagalicia Banco terá novo dono en menos de dous meses, en outubro. O ministro de Economía admitiu que varias entidades españolas e foráneas mostraron interese en facerse co banco galego, o último reducto importante dun sistema financeiro do país.

Novagalicia está hoxe en mans do Estado tras recibir máis de 9.000 millóns de diñeiro público, en gran medida dende Bruxelas. O Goberno de España pretende vendela mentres promete que a entidade que dirixe José María Castellano está xa saneada. O ex-responsábel de Lehman Brothers en España insistiu na entrevista con efe que Novagalicia xa limpou a súa carteira de activos tóxicos.

Castellano quere capital dos EE.UU.

O plan de Castellano pasa por atopar investidores foráneos que merquen a maioría do capital, pero que deixen ao actual equipo á fronte da xestión. O ex-número 2 de Inditex insiste en que hai un grupo de investidores dos EE.UU dispostos a aportar capital.

Con todo, á mesa de Luís de Guindos tamén chegarán ofertas dos grandes bancos españois durante o mes de setembro. Nos últimos días, La Caixa, Banco Santander e BBVA foron sinalados como algúns dos posíbeis compradores pola prensa especializada. Por exemplo, o diario electrónico Hispanidad destaca que o interese de La Caixa pode estar lastrado pola aposta soberanista de Cataluña.

U-la galeguidade prometida por Feijóo?

En calquera caso, a promesa do presidente da Xunta de conservar a "galeguidade" da entidade está condenada irremediablemente ao fracaso. Alberto Nuñez Feijóo quedaría en mellor posición, iso si, se o equipo de Castellano segue a frente do día a día de Novagalicia, malia que o poder de decisión estea fóra do Estado. Para a imaxe pública da Xunta tamén é moi relevante que, sexa quen sexa quen apañe Novagalicia Banco, a marca comercial sega sendo a mesma.

Na entrevista de Guindos non deu pistas sobre quen parte en mellor posición. Iso si, o mandatario conservador destacou que os poderes públicos non terán que ofrecer ningunha axuda extra ao comprador, que se fará cunha entidade na que se acaban de inxectar 9.000 millóns de euros públicos. A poxa é unha das imposicións establecidas pola UE a cambio do rescate bancario, como o foron os despedimentos e as quitas das preferentes.

Os preferentistas retiran os poucos aforros que lles devolveron

Precisamente os afectados de subordinadas e preferentes seguen a mobilizarse. O venres estafados das comarcas de Santiago, Lugo, Pontevedra e Baixo Miño acudiron ás oficinas a retirar parte dos seus aforros, que xa son diñeiro líquido pero minguados pola quita.

Os cidadáns prevén retirar o seu diñeiro de xeito paulatino cada dúas semanas. Tentan así meter presión para que se reabra a arbitraxe, a vía pola que unha pequena parte dos afectados recuperou o seu diñeiro.