Venres, 19 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía Feijoo ameaza coa vía xudicial para recriminar a protesta das preferentes no parlamento

Feijoo ameaza coa vía xudicial para recriminar a protesta das preferentes no parlamento

Correo-e Imprimir PDF
Feijóo, tras o Consello da Xunta - Foto © Xoán Crespo - Praza Pública

O presidente acusa a oposición de "apropiarse da dor" dos afectados.

Feijoo advirte de que os protagonistas da protesta no parlamento poden acabar nos tribunais por irromper a sesión do pleno.

O presidente ten o convencemento de que as persoas que protestaron no parlamento non son "representativas" da maior parte "das que sufriron as preferentes".

Nun dos pouco abondosos exercicios de transparencia aos que acostuma o sector, Novagalicia Banco admitiu hai meses que a súa primeira emisión se remonta ao ano 2003 e que continuaron a ser colocadas entre a clientela ata 2011, isto é, ata o ano no que a entidade bancaria se viu na imposibilidade de mantelo pola súa precaria situación económica. O controvertido produto financeiro ten o seu sustento normativo nunha lei impulsada ese mesmo ano polo Goberno central nas Cortes Xerais, dominadas con maioría absoluta polo PP de José María Aznar. A xénese das preferentes foi obviada de novo este xoves polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que na súa primeira intervención pública tras as intensas protestas no Parlamento dos afectados pola "estafa", apostou por distribuír culpas entre o resto de grupos políticos non só polos incidentes na Cámara, que tamén, senón polas propias preferentes.

Ao remate da xuntanza semanal do Consello da Xunta Feijóo expresou a agardable censura á interrupción do pleno, pero non ficou aí. "Os insultos e as ameazas están fóra de lugar en calquera sitio, moito menos nun Parlamento", evidencia, para despois asegurar non coñecer "ningún precedente como o de onte", "onde os deputados vitoreen e aplaudan aos que insultan e ameazan". Ao líder conservador parécelle "gravísimo" porque, ao seu xuízo, os xestos de ánimo lanzados por PSdeG, AGE e BNG cara aos afectados -algúns parlamentarios e parlamentarias mesmo acudiron a tentar calmar a tensa situación- só tiñan a intención de "querer apropiarse da dor de quen o está pasando mal na cuestión dos seu activos financeiros".

 As preferentes teñen sustento normativo nunha lei impulsada por Aznar en 2003, cando Feijóo xa formaba parte do Goberno galego

"É grave a actitude dos convidadso pero é inxustificable ver a deputados que aplauden ameazas graves" porque eles, asegura, "son os mesmos que lavaron as mans cando gobernaban os seus grupos e os seus gobernos aceptaron este tipo de produtos financeiros", di, adxudicándolles a socialistas e nacionalistas -é de supoñer que non a AGE, que non participou en goberno ningún- a responsabilidade en exclusiva da existencia e pervivencia das preferentes. Ao tempo Feijóo esfórzase en situar á Xunta do lado bo e faino en forma de advertencia ás persoas estafadas: "non esquezan onde están os seus aliados" xa que estes "non son os que gobernaban cando se comercializaban as preferentes, insiste -Feijóo foi membro do Goberno galego, primeiro como conselleiro e vicepresidente (entre 2003 e 2005) e despois como presidente (dende 2009) durante case sete anos nos que circularon as preferentes-".

"Os afectados polas preferentes seguen tendo todo o compromiso da Xunta e seguen formando parte dunha das principais preocupacións do Goberno galego", que seguirá pulando pola arbitraxe, asegura. Non obstante, e dende o convencemento de que as persoas que acudiron ao Parlamento non son "representativas" da maior parte "das que sufriron as preferentes", o presidente amósase igual de convencido de que o Parlamento "terá que estudar as actitudes e visionar os vídeos que lamentablemente están rexistrados". Unha vez realizada esa revisión a Presidencia da Cámara "terá que actuar en consideración co Regulmaento e co ordenamento xurídico vixente", o que pode implicar dende vetarlles a entrada no Pazo do Hórreo aos protagonistas da protesta ata levalos ante os tribunais por interromperen a sesión plenaria.

Escoitar audio da intervención en PRAZA