Complicado sintetizar vinte e un concertos, oito suspendidos por raios e vinte e catro pratos de alta cociña. Un Portamérica, o terceiro, accidentado con final feliz.
Festival portAmerica
O sábado no Portamérica
Despois do cartel do xoves, o do venres e o do sábado non conmovían moito pero o último día do PortAmérica abarrotouse o recinto como non, outra vez, con Vetusta Morla. Malia que a banda non traía novo disco e repetiu os éxitos de “Mapa” e “Un día en el mundo”, conseguiu xuntar de novo unha marea de fans loucos por cantar xa afónicos de corear a Supersubmarina. Molan os chimpos contaxiosos do vocalista Pucho, dun lado para outro, e ese espírito comprometido que puxo sobre as mans levantadas dos que escoitan pampos, con máis ganas de pasalo ben ca de indignarse, a frase de moda nas redes: “Dimitir, non é un nome ruso”. E un caramelo deixou para a despedida, ao outro lado da ría ao día seguinte habería unha sorpresa “Hasta aquí puedo leer”. ( O domingo tocaron en petit comité na sala Aturuxo de Bueu ).
Crónica do festival PortAmérica
Repousadas as melodías e as patatas fritas con ketchup (do posto de bocadillos con “pan recén feito” da área #gastro ) e mentres volvemos ver a Zoé (esta vez apenadamente non en directo, no youtube), escribimos sobre a primeira edición do Festival de Música e Ideas PortAmérica, unha conexión profesional e social daquel mundo que flota, entre o Atlántico e o Pacífico, fronte ao noso e este, que cree que resiste mellor, pero non.
O grupo mexicano, que aproveitou para comer por primeira vez marisco galego, ofreceu un concerto serio, rigoroso e intenso. Malia que a banda cantada por León Larregui ten xa 15 anos de historia, foi un descubrimento para moitos, inclusive nós. Letras empáticas escoitadas por bocas caladas agás as duns poucos incondicionais.