Preto de 150 actividades difundirán a literatura e a cultura galegas na Feira do Libro de Buenos Aires 2016. O diálogo entre autores galegos e arxentinos centran a programación coa que Galicia intentará proxectar o sector editorial neste evento de referencia internacional, que ten como cidade convidada a Santiago de Compostela. Tamén albergarán unha parte da programación espazos xestionados pola colectividade, como a Federación de Asociaciones Gallegas da República Arxentina, o Centro Galicia, o Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstol e diversas casas e centros galegos da cidade.
Preto de trinta autoras e autores galegos participarán nos coloquios, recitais poéticos, conferencias, presentacións de obras e encontros cos lectores que se realizarán do 21 de abril ao 9 de maio en diferentes espazos da cidade porteña. Unha vintena de editoriais de Galicia exhibirán e comercializarán a súa produción neste evento considerado pola Consellería de Cultura como "unha das citas culturais máis relevantes de América Latina".
(Adjunta á nota o programa oficial completo da participación galega na Feira)