Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía As Plataformas de Afectados por Preferentes acusan a Louzán de "demagoxia" e de "faltar á verdade"

As Plataformas de Afectados por Preferentes acusan a Louzán de "demagoxia" e de "faltar á verdade"

Correo-e Imprimir PDF
Encontro da plataforma de afectados cos alcaldes do Val Miñor e o presidente da deputación.

O pasado sábado Rafael Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra, cargou contra os grupos de afectados polas preferentes que "están actuando como un verdadero comando radical para atacar o PP", acusounos de "manipular ós afectados e usar politicamente este conflito", e defendeu o "apoio incondicional" do PP as vítimas do que cualificou de "estafa masiva". As Plataformas de Afectados por Preferentes responderon a estas declaracións este domingo pola noite nun comunicado no que acusan a Louzán de "demagoxia" e de "faltar á verdade".

Así o recolle hoxe o xornal Praza Pública onde se sinala que para as plataformas estas declaracións "son unha proba máis do nerviosismo dos dirixentes do Partido Popular, acurralados polas súas propias mentiras e promesas electorais incumpridas, ante a inminencia do previsible estoupido social que vai provocar a aplicación do Real Decreto Lei 24/2012". O comunicado lembra que o Partido Popular é "o responsable principal de legalizar, no ano 2003, a comercialización de productos tóxicos polas caixas de aforros" e sinala que Núñez Feijoo ocupou a Vicepresidencia da Xunta e posteriormente a Presidencia nos momentos nos que se producen a maior parte das emisións.

Sinalan tamén que "foi o goberno de Feijóo quen negociou informalmente coa Unión Europea o número de laudos arbitrais que ían ser resoltos favorablemente (que segundo o ex-Conselleiro de Industria e Comercio só representarían un 15% dos casos)" e engaden que "a día de hoxe quedan máis de 40.000 solicitudes sen resolver".

Máis información no xornal Praza Pública