Martes, 23 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Esquerda Unida de Gondomar solidarízase coa loita dos afectados polas preferentes

Esquerda Unida de Gondomar solidarízase coa loita dos afectados polas preferentes

Correo-e Imprimir PDF
1-noite-caixeiro-ngb

-Dende a dirección local en Gondomar e comarcal de Vigo dirixiuse escrito ós parlamentarios de Esquerda Unida para que valoren algunha iniciativa no Parlamento Galego.

Esquerda Unida amosou a súa solidariedade a través dun comunicado, cos pequenos aforradores afectados "polo timo das preferentes", que nestes días ocupan a entrada da sucursal de NGB en Gondomar.

No mesmo, critican aos directivos das "caixas estafadoras", os que aseguran, "gozan de suculentas pensións, mentres os responsables políticos do PP e PSOE, reguladores do tema, miran para outro lado". Nembargante, sinalan "Miles de millóns para salvar bancos privados ,e prenténdese dende a "Troika" que os pequenos aforradores se resignen a perder grande parte dos seus depósitos en preferentes".

A instancia do coordinador local en Gondomar, Josué Villar, estableceuse contacto cos parlamentarios de Esquerda Unida, para que valoren algunha iniciativa no Parlamento Galego.

"A situación dos afectados polas preferentes é moi complicada, non se pode entender que os cidadáns non poidan dispoñer dos seus aforros cando os precisen. O tempo xoga en contra dos afectados, compre tomar medidas urxentes", sinalou Villar.

Por outra banda, a dirección local manifestou que "na asamblea local desta semana, trataremos de organizarnos para apoiar as accións de movilización do colectivo de afectados polas preferentes, e proporcionar toda a axuda posible."

"Todos estamos sufrindo as consecuencias da usura de políticos e banqueiros irresponsables, e mediante a loita na rúa e no parlamento, imos tentar mudar a situación. Isto é unha estafa, e temos que unirnos e organizarnos da forma máis efectiva posible, porque se aceptamos esta situación, se nos resignamos, seremos cómplices."

Ademais da súa xestión feita ante o Parlamento Europeo, Eu entende que "compre que a Xunta de Galicia asuma as súas responsabilidades".