Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía Nova "quita" do 13% ás preferentes de Novagalicia Banco

Nova "quita" do 13% ás preferentes de Novagalicia Banco

Correo-e Imprimir PDF
preferentes protesta aribada baiona 2013

-O plan de Castellano de vender o 51% da entidade nacionalizada a investidores foráneos acelera os movementos en Novagalicia Banco, cuxos preferentistas perderán até o 58% dos aforros.
Xa se coñece oficialmente a segunda "quita" -un "roubo" segundo os afectados"- que terán que afrontar os posuidores de preferentes de Novagalicia Banco. Ademais do 41% de media que perderán de acordo ao recorte publicado en marzo (que fixa un desconto do 58,8 de máximo para os que tivesen preferentes de Caixa Galicia en 2003), agora deberán afrontar unha rebaixa adicional do 13,8%. Polo tanto, os afectados que non logren acudir a arbitraxe ou gañar un preito -malia que moitos deles foron estafados polas caixas- poderán perder de media máis do 54%.

Os cidadáns con preferentes nin sequera poderán recuperar o diñeiro en efectivo. O Fondo de Reestructuración Ordenada Bancaria (FROB) fixa que o diñeiro cambiarase por accións no caso dos "instrumentos híbridos", como as preferentes.
O valor desas accións de Novagalicia está por ver. O FROB -que depende en última instancia do Banco de España e, polo tanto, do Estado- estuda vender a entidade galega, o 90% do accionariado, inmediatamente.
Segundo informou hoxe Faro de Vigo, o plan do presidente José María Castellano é que fondos de capital foráneos merquen o 51% dos títulos na poxa que artellará o FROB. Castellano teima así no seu plan, avalado inicialmente por Feijóo, de que capital privado estranxeiro controle a entidade resultante da fusión das caixas galegas pero seguindo o propio Castellano ao fronte de Novagalicia.
De acordo as condicións do rescate bancario acordado coa Unión Europea, o Estado ten até cinco anos para desfacerse da súa maioría en Novagalicia e Banc Sabadell. Porén, Castellano intenta que a operación de entrada de capital privado foráneo se realice inmediatamente, o que podería estar relacionado co anuncio da nova quita por parte do FROB.
Aqueles cidadáns que teñan débeda subordinada con vencemento, poderán elixir entre as accións non cotizadas ou "débeda senior" , que vencerá no mesmo prazo que a débeda orixinal, pero tamén terán que asumir recortes, aínda non publicados polo FROB.

Artigo recollido do xornal colaborador Galicia Confidencial