Xoves, 18 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Primeiro balance da Plataforma Gondomar de preferentistas tras o desaloxo “telefónico” do Concello.

Primeiro balance da Plataforma Gondomar de preferentistas tras o desaloxo “telefónico” do Concello.

Correo-e Imprimir PDF
desaloxo-afectados

“Hoxe o noso alcalde D. Fernando Guitián mandou ao xefe da policía local vía telefónica (xa que el non estaba no concello) desaloxar os afectados que levaban case 7 meses encerrados en dito concello”. Con este breve texto os membros da Plataforma de Afectados por Preferentes e Subordinadas de Gondomar daban a coñecer este venres ao mediodía o que ocorría neses intres tras a negativa destes de suspender as pitadas no interior da casa consistorial.

O colectivo xa fora advertido da medida polo rexedor o pasado mércores.

 Logo do peche de chamados aos arbitraxe de consumo da fin de semana, a plataforma decidiu ampliar as xornadas de protestas no interior da casa consistorial á totalidade do horario de oficinas e de xeito diario. Segundo a versión dos afectados, o rexedor sinalou que non podían manter ao Concello “paralizado”  e que de reiterarse os feitos procedería ao desaloxo.

A plataforma mantivo unha asemblea o mesmo mércores pola tardiña na que os aforristas decidiron manter as medidas de protestas a partir deste venres. As mesmas comezaron sobre as 9:30 horas da mañá.

Sempre segundo os afectados, dúas horas despois, o xefe da policía local mantivo unha reunión con eles na que indicou que por orden “telefónica” da alcaldía, debían cesar as pitadas o do contrario serían obxecto dunha multa e posterior desaloxo polas forzas locais ou a Garda Civil. Ante a inminencia do desfiuzamento e a aplicación de novas multas, os quince veciños que participaban da mobilización decidiron dar por concluído o encerro que o vindeiro 3 de xullo cumpriría 7 meses.

Tras 7 meses de loita da plataforma Gondomar o 85% dos afectados obtivo solucións.

Cando o pasado 3 de decembro ocupábase por primeira vez a oficina de Gondomar de Novagalicia Banco, no municipio contabilizábanse 539 persoas con seus aforros atrapados en preferentes e subordinadas, segundo informa a plataforma. Deles 463 obtiveron o acceso aos arbitraxes de consumo, 241 no correr semana pasada. Para Mary Salgueiro, voceira do grupo, a loita foi un éxito –vista nun primeiro balance- pois un 85% dos afectados obtiveron a posibilidade da instancia de conciliación, e moitos deles recuperaron o seus cartos.

Un mal cheiro: dos 539 afectados en Gondomar só 20 mantiveron as mobilizacións.

Nembargante, non todo é positivo, sostén dende a plataforma. O xeito que tan só uns 20 aforristas afrontaran o encerro na oficina Gondomar de NGB e posteriormente no Concello, amosa unha actitude polo menos “cómoda” do resto dos afectados. Persoas que sen embargo gozaron das conquistas froito das actuacións que a distintos niveis políticos e da propia entidade financeira desenvolveu a plataforma e que permitiron que os afectados do municipio foran dos máis tidos en conta de case toda Galicia.

O “cabreo” foi aínda maior cando o martes pasado, ante o anuncio que un grupo de avogados contratados polo colectivo concorrería a Gondomar, ducias de afectados “ que nunca lle vimos a cara”, empurraban por ingresar ao local e solicitaban asesoramento “personalizado”, desprazando aos propios membros da plataforma.

Por riba, cando se solicitou que polo menos colaboraran con dez euros para pagar aos letrados, “desapareceron”, denuncian.

O traballo da plataforma Gondomar continúa.

A plataforma anuncia que o desaloxo do Concello non implica renunciar ao traballo pola recuperación dos aforros. Son 139 os veciños que aínda non obtiveron unha solución. Deles, algúns membros da plataforma, xa decidiron iniciar unha demanda legal. Outros poderían ter acceso aos arbitraxes a partir do mes de agosto, segundo información aportada polo colectivo.

Neste senso, adiantan que participarán da “sentada” organizada en Santiago do próximo martes, unha xuntanza de todas as plataformas galegas a celebrarse o vindeiro 29 de xuño, así como instancias de asesoramento legal.

A pesar do mal sabor que deixa o desaloxo deste venres, os aforristas manteñen en alto a moral e afirman que non cesarán as mobilizacións ate que “último dos afectados recuperen os seus cartos”.