Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía Nena de 12 anos relata publicamente como foi estafada con subordinadas no peche da manifestación en Gondomar.

Nena de 12 anos relata publicamente como foi estafada con subordinadas no peche da manifestación en Gondomar.

Correo-e Imprimir PDF
preferentes-casa-cosistoria

Mabel xuntaba os cartos que os seus avós e pais íanlle dando dende os 7 anos nunha conta de aforros, “porque quería e quero ir á universidade”, segundo relatou ás máis de 700 persoas concentradas ao final da manifestación das Plataformas de afectados por Preferentes e Subordinadas deste luns en Gondomar. “Neste momento non teño nada”, afirma a pequena Mabel, “leváronme todo”.  

Dende entón, Mabel participa cos seus pais –tamén estafados cos produtos lixos, aínda que puideron recuperar os cartos días antes do curraliño-  da Plataforma Gondomar, e leva seis meses pechada no Concello, “dinme que vou ser accionista do banco”, sinala con ironía a carta da cativa.

No seu relato, Mabel recoñece que é “unha afectada deste gran engano coma miles de cativos de toda Galiza”. Ela sabe que moitos outros menores de idade foron obxecto do “troque” dos aforros por produtos lixo; o saben ben: o seu irmán de 13 anos tamén quedou cos seus cartos atrapado na trama das preferentes e subordinadas. Unha dramática historia que comparte con outros membros da familia, segundo explicou a Valminor.info a nai da rapaza. Tíos, primos e avós de Mabel foron tamén vítimas da estafa. Por iso decidiu facer público o seu caso, e redactou  a devandita carta que compartimos ao final deste artigo.

A lectura da carta que serviu de manifesto final da mobilización,  foi seguida atentamente pola multitude, que minutos antes se manifestou polas principais rúas da vila.

No acto estiveron presentes concelleiros e deputados de varios partidos, menos os alcaldes de Gondomar e Baiona, así como a concelleira representante do goberno de Nigrán, que presentáronse ao comezo da mesma pero decidiron retirarse antes de que botara andar a manifestación. Feito que segundo a portavoz da Plataforma Gondomar, lle fora anunciado con anterioridade polo rexedor local, Fernando Guitián.

Carta de Mabel (12 anos), lida pola autora ao peche da manifestación en Gondomar.

“Boa noite!, veciños e veciñas de Gondomar, e demais concellos presentes. Grazas por estar hoxe aquí e acompañarnos nesta data tan sinalada.

Chámome Mabel, e son unha afectada deste gran engano coma miles de cativos de toda Galiza, e pertenzo á plataforma de Gondomar . Teño 12 anos e dende os sete os meus aforros están en débeda subordinada;  diñeiro que me ían dando meus avós, meus pais e os que eu ia aforrando, porque quería, e quero ir a universidade cando sexa maior. Neste momento non teño nada. Leváronme todo, pero dinme que vou ser accionista do banco.Eu non sei que é iso pero soa a algo importante.

Hoxe cúmprense seis meses, dende que parte da miña familia e moita máis xente decidiron pecharse;primeiro nun caixeiro e logo no concello.O mesmo tempo levamos mais de ano e medio na rúa, con protestas e manifestacións, esixindo a devolución dos nosos cartos aforrados, que foron roubados a cara descuberta por uns ladróns que se fan pasar por banqueiros, os cales están protexidos polos gobernantes de quenda.

Coidamos que este peche sería un xeito máis forte de presionar e pensamos que non nos equivocamos…Fomos os primeiros, e grazas a isto, outros concellos seguiron o noso exemplo e conseguimos que a coñecida vía da arbitraxe,continuase cando xa fai tempo que o goberno quería quitala; tamén podemos pensar que foi unha solución que tomaron os gobernantes e o banco para calmar á xente e tamén dividila, e así os reclamantes fosen perdendo forza.Todo isto estaba perfectamente estudado,tendo a arbitraxe fecha de caducidade.

Agora avecíñase o desastre…A famosa QUITA. ¿E que é a quita? Preguntome eu…Pois é iso… o que che van a quitar dos teus aforros, sen que lles remorda na súa conciencia, quizás porque non a teñen. E como a primeira quita lles parece pouco, o goberno considera que merecemos unha segunda cando nos canxeen as accións de merda que nos da o banco, polos nosos cartos.

Hai un señor que din que goberna en Galiza que se chama Feixoo,que despóis de levar máis de ano e medio na rúa, ven a dicir o outro día no Parlamento que está do noso lado . Eu como nena que son, aínda o creo todo, pero meus pais din que é outra artimaña política da que o PP está acostumado a facer.

E agora tamén din que lle van a pagar òs pequenos aforradores; E eses cales son? Os que son baixiños de estatura, pequenos en idade, cales son Sr. Feixoo?. Porque aforradores aquí somos todos, grandes e pequenos.

O qué eu tampouco non entendo, é onde está a xustiza neste país. A ver se alguén dos que están aquí presentes mo pode explicar. O que sei e que se meu pai ten que roubar unha galiña para darme de comer vai para ó cárcere, e as persoas que roubaron os aforros a miles de aforradores; están no cárcere? Eu vexo que non é así.

Veciños e veciñas...Afectados e afectadas polas preferentes somos todos! Porque mentres eu teña os cartos presos, non poderei mercar no teu comercio, nin comprar lambonadas na túa tenda, nin meu avó ir a beber unha taxa de viño ó teu furancho …EU NON PODO PORQUE OS CARTOS QUE NON TEÑO, NON OS PODO GASTAR!

Nos somos aforradores coma ti, ti e ti…Porque decirme a min se afectados coma unha nena de doce anos, un avó de 83 anos, ou tamén María, Carmen e Pepe…xubilados que tiveron que emigrar durante 30 ou 40 anos, traballando duramente poden ser considerados inversores coma dende o goberno nos quere facer crer.

¿Aínda hai alguén que crea, que se souberamos que os nosos aforros correran calquera tipo de perigo, deixaríamos que nolos metesen nese tipo de produtos? Vendéronnolo con enganos.

Para despedirme, no nome da PLATAFORMA DE GONDOMAR: moitas, moitísimas grazas polo apoio recibido dende o comezo desta loita e por estar hoxe aquí…

Seguiremos loitando polo que é noso…mal que lle pese a algúns…¡¡NON IMOS PARAR ATA OS NOSOS CARTOS RECUPERAR!!

Grazas”