Mércores, 24 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía Marea amarela contra as quitas nas preferentes e subordinadas

Marea amarela contra as quitas nas preferentes e subordinadas

Correo-e Imprimir PDF
afectados marcha_vigo

-Vigo acolle a maior manifestación de afectados por participacións tóxicas. Unhas 12.000 persoas, segundo os organizadores, esixiron que se devolva o 100% dos aforros secuestrados. Na marcha participaron outros colectivos sociais e representantes políticos e sindicais.

 

Os afectados polas participacións preferentes e subordinadas tomaron masivamente hoxe as rúas de Vigo para amosar o seu frontal rexeitamento ás quitas impostas por Bruxelas e executadas polo Fondo de Reestructuración Ordenada Bancaria (FROB).

A de hoxe foi a maior concentración convocada polos afectados desde que comezou o coñecido como "corraliño galego"; en total, unhas 12.000 persoas, segundo os organizadores, marcharon contra a "estafa" da que son vítimas.

"Non ás quitas"

O lema principal da protesta foi "Non ás quitas". A manifestación saíu ás 11.00 horas da zona do Calvario e percorreu as rúas céntricas de Vigo ata rematar arredor das 13.45 horas na Porta do Sol. Ás 18 plataformas de afectados polas preferentes e subordinadas que se deron cita en Vigo, sumáronse diversos colectivos en defensa da sanidade, xustiza e educación, o movemento 15M, a plataforma Stop Desafiuzamentos e grupos de estudantes, ademais de representantes do PSOE, BNG e Alternativa Galega de Esquerda (AGE) e dos sindicatos UXT, CC.OO. e CIG.

Os aforradores, que marcharon coas súas xa afamadas camisetas amarelas impresas con lemas contra Novagalicia Banco, volveron esixir que se lles devolva o 100% dos cartos que teñen secuestrados nas participacións tóxicas. "Nin quita, nin accións, total devolución", berraron na manifestación, que rematou coa lectura dun manifesto no que denunciaron o "enorme engano" do que son vítimas.

Dimisións

Os manifestantes culparon a banqueiros, Xunta e Goberno central da "estafa" na que están envoltos e nomearon expresamente ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, e ao ministro de Economía, Luis De Guindos.

Os afectados esixiron a dimisión dos responsábeis e, en particular, a de Luis De Guindos, logo de facerse público que durante a súa etapa en Lehman Brothers o ministro comercializou participacións preferentes. "Pedímoslle que dimita ou que o cese Rajoy, se é que é realmente o seu xefe e non ao revés", demandaron no manifesto lido esta mañá.

 

Información recollida no xornal colaborador Galicia Confidencial.com

Fotogalería da manifestación en Galicia Confidencial