Mércores, 4 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Rueda valora o proxecto hoteleiro de Cabo Silleiro e afea que o Goberno “non deixe” actuar noutras zonas de costa

Rueda valora o proxecto hoteleiro de Cabo Silleiro e afea que o Goberno “non deixe” actuar noutras zonas de costa

Correo-e Imprimir PDF

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor o proxecto de recuperación dos faros de Cabo Silleiro para uso hoteleiro e hostaleiro, e lamentou que o Goberno de España, co recurso contra a Lei do Litoral de Galicia, “non deixa” replicar ese modelo e actuar noutras zonas da costa, onde se poderían recuperar infraestruturas.

Así o trasladou este luns, durante unha visita ao faro ‘novo’ de Cabo Silleiro, na que os adxudicatarios da concesión anunciaron o inicio das obras, para converter estas instalacións e o faro ‘vello’, nun hotel e unha cafetaría, respectivamente, e polas en servizo o próximo mes de xuño.

Alfonso Rueda destacou a “valentía” dos empresarios que puxeron en marcha este proxecto, que partiu “dun soño”, e que avanza a pesar dun proceso administrativo “que non foi sinxelo” (o Porto sacou a concurso a concesión, a administración central tivo que autorizar a compatibilidade de usos e houbo que tramitar a licenza de obra, entre outros pasos).

O titular do Executivo galego subliñou que esta iniciativa contribuirá a “elevar o nivel da oferta turística” en Galicia, e lamentou que non poida replicar o modelo e crear unha “rede” de espazos emblemáticos como este, algo que contempla a lei galega do litoral recorrida polo Goberno. “Non entendo por que non nos deixan”, lamentou Rueda, á vez que lembrou que se poderían recuperar instalacións en ruínas, respectando a contorna, para darlles unha segunda vida e xerar riqueza.

RECUPERACIÓN DOS FAROS DE CABO SILLEIRO

O proxecto, impulsado pola empresa Lighthouse Baiona, prevé converter o faro novo nun hotel con 16 habitacións, estancias comúns, e un restaurante bar. Todo iso mentres o faro, que se puxo en servizo hai un século, segue funcionando e cumprindo a súa función de sinalización e seguridade marítima.

Mentres, o antigo faro, situado a uns 800 metros do anterior, atópase en ruínas e será restaurado para situar unha cafetaría con terraza. Estas instalacións perdeu a torre coa lanterna, pero a idea é poder recuperala e pór en valor o conxunto que, ademais, atópase en pleno Camiño Portugués pola Costa.

No acto deste luns, o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, celebrou a recuperación desta contorna e lembrou que, hai case 20 anos, propúxose convertelo nun albergue de peregrinos. A proposta non foi estimada (a pesar de que Abel Caballero, como presidente do Porto, anunciou o albergue en 2006) e, anos despois, iniciouse o camiño para permitir o uso hostaleiro.

Vázquez Almuíña trasladou, así mesmo, o seu desexo de que a recuperación dese espazo póidase trasladar tamén á contorna, en concreto ás antigas baterías militares que se atopan a pouca distancia e confirmou que o Concello de Baiona trasladou esa petición ao Goberno central.