Os bombeiros do Val Miñor víronse obrigados este domingo a acudir a un incendio cunha sulfatadora, porque levan "un mes co camión avariado".
Ante a falta de medios dos bombeiros do GES, o 112 tivo que solicitar a asistencia dos bombeiros de O Porriño.
O superavit de 235.000 euros das arcas municipais ou os 400.000 euros de remanente de tesourería anunciado polo goberno en 2012 parece non ser suficiente para reparar o motor do camión de incendios forestais que ten case 10 anos.
Os bombeiros denunciaron que o camión que usan para extinguir incendios —que "en realidade é unha motobomba forestal que se usa para todo e ten case 10 anos"— leva avariada case un mes no taller, dado que "o motor non dá para máis" por tantos usos, e non hai orzamento para o arranxo.
O incendio, declarado na zona da Ramallosa, liquidouse cos bombeiros acudindo até o lugar cunha sulfatadora e non foi a máis debido á súa intervención. De feito, tras apagar o lume, ao lugar chegaron os Bombeiros de Porriño, nun camión, para botar unha man aos seus compañeiros. Os Bombeiros de Nigrán explican que "o normal sería ter un vehículo de extinción de incendios urbanos", pero non aspiran "a tanto", senón que esperan polo menos poder usar a motobomba. Neste sentido, aseguran que o Concello "sabe ben" as necesidades que existen para que estes profesionais poidan exercer con normalidade o seu traballo, pero non houbo solucións nun mes que levan sen camión de bombeiros, polo que creen que se está esperando a que a Xunta faga unha adxudicación de motombas novas" e unha delas vaia a parar a Nigrán.