Mércores, 30 Sep. 2020

Actualizado03:05:36 PM GMT

Estás en Val Miñor A xustiza dalle a razón aos catro ex GRUMIR que recurriron o despido da Mancomunidade.

A xustiza dalle a razón aos catro ex GRUMIR que recurriron o despido da Mancomunidade.

Correo-e Imprimir PDF
A mancomunidade terá que readmitilos ou idemnizalos con 30.000 euros
A xustiza determinou que son improcedentes os despidos aos operarios do ex GRUMIR Val Miñor, decretados no pasado mes de abril pola Mancomunidade do Val Miñor. Catro dos nove funcionarios cesados presentaron daquela unha demanda contra a administración e agora, a xustiza deulles a razón nunha sentenza con data 11 de outubro. Mañá vence o prazo para que a administración comarcal presente un recurso na sede xudicial. De non facelo, deberá pagar 30 mil euros en total aos 4 involucrados en concepto de resarcimento ou readmitilos nas súas funcións. Os catro operarios manifestan a súa intención de volver aos seus postos de traballo.

 

Nesta xornada do martes 18 de outubro, os catro traballadores solicitaron cita ao alcalde baionés e presidente de quenda da Mancomunidade do Val Miñor, Jesús Vázquez Almuíña. En principio serán recibidos mañá mércores sobre o mediodía. A posición dos catro operarios é firme, "que os responsables da Mancomunidade decidan se prefiren mellorar o servizo coa reincorporación ou deixarllo na actual situación e que por riba os veciños teñan que pagar". A readmisión deste grupo de traballadores permitiría que o actual Servizo de Emerxencias Val Miñor (ex GRUMIR), dispoña de 2 operarios por garda e non 1 como ata de agora. Na actualidade un deles está a cumprir unha suplencia por unha baixa laboral no servizo.

Estes catro ex membros do GRUMIR negáronse en abril a acordar coa Mancomunidade o despedimento. Daquela, quedaron en minoría ante o resto dos funcionarios involucrados que preferiron asinar unha liquidación que contaba co visto e prace dos asesores sindicais, segundo informouse naquel momento. Dende o peche do GRUMIR, o servizo de emerxencias da bisbarra quedou a cargo de tres operarios asistidos por voluntarios de Protección Civil.