Mércores, 16 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Debates post morten do GRUMIR sobre o futuro carácter público ou privado do servizo.

Debates post morten do GRUMIR sobre o futuro carácter público ou privado do servizo.

Correo-e Imprimir PDF
Os plenos de Nigrán e Gondomar volveron debater sobre os Servizos de Emerxencia.

A decisión  de disolver o GRUMIR aínda non deixou de resoar nos plenos das distintas corporacións miñoranas. De feito a pesar de que a Mancomunidade do Val Miñor xa firmou o "finiquito" do servizo de emerxencia, os grupos municipais presentaron mocións e seguiron debatendo a prol "dunha solución ao tema" nos derradeiros plenos do mércores e xoves en Nigrán e Gondomar respectivamente. Un debate cualificado "como inútil" por algúns concelleiros que admitían que os faladoiros "cheiraban a discurso pre electoral". Pero isto non foi o que máis chamou a atención destes debates "post morten". O incrible foi que as posturas dos grupos municipais presentaban matices que omitían ou agregaban contidos respecto ao amosado no debate da mancomunidade.

O futuro Parque de Bombeiros para Nigrán.

No caso do pleno de  Nigrán o PP presentou unha moción de similar contido á resolta pola Mancomunidade. A saber, pedir á Deputación de Pontevedra e á Xunta de Galicia cartos para facer fronte aos gastos do actual grupo  mixto que en principio actuará ata a definitiva instalación dun parque de bombeiros na bisbarra. Parque de bombeiros tamén reclamado de xeito urxente. A moción recibiu o apoio dos concelleiros socialistas os que solicitaron a inclusión do carácter "público" dese futuro corpo de bombeiros. Matiz presentado polos concelleiros do BNG na Mancomunidade e rexeitado polos populares da bisbarra e mais os socialistas de Nigrán, a pedido do alcalde de Baiona Jesús Vázquez Almuiña, que non quixo descartar a posibilidade dunha solución privada. A pesar disto o pleno de Nigrán na súa declaración cos votos da unanimidade da corporación esixe que o futuro parque de bombeiros "sexa público".

O futuro Parque de Bombeiros para Gondomar

Pero as particularidades destas mocións sobre o GRUMIR tamén estiveron presentes en Gondomar. O concelleiro do BNG Antón Araúxo presentou a mesma moción que na súa parte resolutiva votou a Mancomunidade. Por suposto non incluía o despido dos funcionarios, estes xa estaban despedidos. Unha vez presentada a iniciativa o concelleiro José Cabaleiro (non adscrito) sinalou a Araúxo que estaba contradicindo o defendido polo BNG na Mancomunidade pois presentaba a mesma solución que a administración supra municipal votara. Araúxo acusou a Cabaleiro de "liar as cousas" e sinalou que o BNG ao que se opuxo foi a despedir aos traballadores. En realidade ambos os dous tiñan parte de razón: de feito Araúxo se opuxo dende un principio ao despido dos traballadores, pero a moción que presentou en Gondomar tiña unha diferenza coa presentada polos nacionalistas no debate da mancomunidade: faltoulle esixir que o parque de bombeiros a instalar na bisbarra "fose público". Neste pleno os socialistas de Gondomar non puideron manifestar a súa posición favorable á sostida polo BNG na Mancomunidade por non ter concelleiros na corporación.

Charlas sobre o futuro servizo de emerxencias en Baiona.

Pola súa banda o BNG de Baiona que foi o mentor da malograda posición de soster o GRUMIR sen despedir traballadores e reclamar o carácter público para o futuro parque de bombeiros na bisbarra comeza unha rolda de charlas polas parroquias na que "mixtura" o asesoramento sobor a Lei de Augas de Galicia co desenvolvemento da súa visión do futuro Servizo de Emerxencias para o Val Miñor. Postura na que en principio comparte cos socialistas baioneses que apoxaron a súa moción na Mancomunidade. Os coloquios comezan o próximo luns 4 no Colexio Covaterreña. O martes 5 no Colexio de Belesar. O mércores 6 no Centro Cultural de Baíña. Xoves 7 no Centro Cultural de Baredo e o venres 8 de abril no Colexio de Sabarís. Tódalas xuntanzas comezarán ás 20:30 horas.