Domingo, 10 Nov. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán O PSOE de Nigrán insiste en esixir unha rectificación pública do PP para retomar os traballos do PXOM.

O PSOE de Nigrán insiste en esixir unha rectificación pública do PP para retomar os traballos do PXOM.

Correo-e Imprimir PDF
Juan González asegura que os socialistas non participarán dos traballos do PXOM se o PP non rectifica.

A agrupación municipal do PSOE de Nigrán non concorrerá á reunión co equipo redactor do Plan Xeral de Ordenamento Municipal (PXOM) convocada para este mércores 29 polo alcalde Alberto Valverde. Os socialistas unha vez máis esixen unha rectificación pública do Partido Popular e mais do alcalde " das súas graves acusacións do 19 de maio coas que rachou o pacto polo PXOM en Nigrán". Nesa oportunidade, a poucas horas das eleccións municipais, os populares acusaron ao entón alcalde socialista Efrén Juanes de ocultar un borrador do PXOM con fines electorais. Acusación que os socialistas rexeitaron daquela e agora reclaman unha rectificación pública "recoñecendo a clara intencionalidade e oportunismo da referida nota".

Os socialistas afirman que manteñen a súa " intención de traballar para que se consiga aprobar o mellor PXOM para Nigrán e así o ten demostrado nos últimos catro anos deixando de lado as diferenzas políticas nun tema que entendemos prioritario para os veciños de Nigrán." Agregan que "O PP de Nigrán, a dous días das eleccións municipais, fixo público un comunicado moi grave, totalmente consciente e premeditado, realizando falsas acusacións coa clara intención de manipular á opinión pública, sobre un feito que sabían non era certo."

A nota pública emitida esta tarde pola agrupación socialista sinala que "O PSOE de Nigrán quere manifestar o seu convencemento absoluto sobre a transparencia e profesionalidade no traballo realizado polos técnicos municipais e o equipo redactor". O escrito, asinado polo concelleiro Juan González argumenta que " que non asumimos nin esquecemos as acusacións difamatorias vertidas publicamente polo PP de Nigrán e utilizadas claramente como arma electoral, rompendo o compromiso de non utilizar o PXOM na disputa política entre partidos, dada a transcendencia e calado deste proxecto para o interese xeral de Nigrán."