O Concello de Nigrán reparte 21.574 euros en subvencións a un total de 35 entidades deportivas, culturais, veciñais e de festas do municipio. As entidades achegaron os seus proxectos para participar destas axudas coa modalidade de concorrencia competitiva cuxo prazo de solicitude rematara o 15 de maio. A xunta local de goberno vén de aprobar as ponderacións achegadas dende a comisión de valoración nomeada a tal fin e decidiu confirmar as axudas que achegarán dende 200€ a case 1000€ por colectivo segundo a puntuación acadada.
A Xunta de Goberno Local do Concello de Nigrán aprobou o pasado 12 de agosto as concesións. En total, 21 entidades deportivas recibirán 9.884,70 euros, ingresándoselles de xeito inmediato o 40% da cantidade concedida a cadansúa, o resto será entregado previa xustificación dos gastos que se deriven da execución do programa ou actividade, tal e como se recollía nas bases.