Venres, 15 Nov. 2019

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Baiona De Sabarís e outras deshumanizacións

De Sabarís e outras deshumanizacións

Correo-e Imprimir PDF
rua-julian-valverde

Aínda abraiado polo repentino interese cultural da Asociación local de Comerciantes e Empresarios, o pasado domingo, 13 de maio, acudín, con dúas pequenas acuarelas, á segunda edición dunha mostra de pintura e escultura que, no mercado de Sabarís, convoca a devandita asociación. É coñecido o vello método de acudir ás artes cando se procura unha imaxe cultivada e desinteresada. Outra cousa non hai. Pois, a verdade, así, entre nos, se calquera dos membros da asociación quixera botar unha man aos artistas, de calquera cor e condición, tiveron anos dabondo, nos seus hoteis e establecementos públicos, para facelo. E como sempre, o de menos é a exposición. Un confuso revoltallo, mal pensado e mesturado, que anulaba todo tento racional de distinguir, valorar e dixerir. Non, non falo de calidades. Só defendo unha achega digna á obra. En toda exposición pública, en todo proxecto aberto á comunidade, latexa unha dimensión didáctica, unha posibilidade de aprendizaxe e coñecemento. Toda forma construída no espazo real, unha pintura, unha exposición colectiva ou unha proposta urbanística, supón a expresión material dunhas ideas, fundamentos e contextos. Por iso é tan importante o feito de salientar as súas características, coñecer as súas necesidades internas, o seu discurso singular. A confusión, a mestura e as presas, opóñense á distinción e o xuízo. Enfróntanse á libre formación, madureza e confrontación dos criterios cos que percibimos a realidade. Ao gradual cultivo da sensibilidade. Á cultura. Esa cousa sempre difusa, incomprensible e aparentemente inútil.

 

Por outra banda, os convocantes desta cita anual coa plástica local, dan en sinalar, paradoxalmente, o escurantismo e a ambigüidade, por parte da Corporación Municipal que dirixe o Sr. Almuíña, do, sen dúbida imprescindible, e agardado xa hai moitos anos, proxecto de intervención urbanística en Sabarís. Unha indefinición que, baixo a escusa dunha posterior concreción polos sectores implicados, favorece, sen dúbida, a decisión unilateral e derradeira do Concello. Chega cun golpe na mesa. Mais, no que se refire á proposta, resulta curioso que, na conversa con veciños favorables á intervención inmediata, xurdiran alusións a modelos urbanísticos das vilas portuguesas do Alto Miño que tanto admiramos, e tan pouco coñecemos. Distracción ou autoengano? Pois, no difuso proxecto de Sabarís, como noutros tantos das últimas décadas, faltan imaxinación e personalidade, e sobran banalidade e conformismo. As empresas de construción resolven os encargos como os fabricantes de mobles de cociña. Mesmo os bosquexos das perspectivas, de uns e outros, parécense moito. Non é nada novo. Os edificios e urbanizacións que abafan a nosa paisaxe son o mediocre resultado de proxectos, feitos ao ditado por promotoras ou construtoras, que procuraban o máximo proveito e beneficio. Malia a crise, seguimos nas mesmas. Pura inercia. O tempo dedicado á reflexión e madureza dun proxecto, enerxía sempre sostible, ilimitada e non contaminante, percíbese na realización da obra. Así, nas vilas miñotas portuguesas, os seus modelos urbanísticos, influenzados pola Escola de Oporto, teñen en conta moitas máis variables, a medio e longo prazo. Aínda obrigados pola falta de medios. Só temos que dar unha volta por Caminha, Cerveira, ou mesmo, pola marabillosa Viana do Castelo. Ritmos, proporcións, acentos, pausas, intervalos, texturas e materiais, materialízanse nun meditado equilibrio de pracenteiros bulevares, pensadas perspectivas, prazas eficaces, medidos currunchos, beiras arboradas e circulacións urbanas, onde conviven as vellas tradicións coa modernidade mais radical. Apracibles espazos que remiten ao paseo, á calma, ao vagar, á serenidade, ao goce, e tamén, porque non, a un mellor e mais esixente pequeno comercio. Mentres, aquí, mergullados aínda na desacreditada lóxica dun falso progreso, seguimos a defender o coche na porta. O noso problema non é un suposto, e inexistente á vista, conservadorismo, senón a inane falta de imaxinación. Aceptamos a gasosa por champan. Agradecidos. Alí, na meirande parte das obras, observamos reflexión, criterio, educación. Cultura. Aquí só atopamos incontinente vulgaridade e urxencias desmesuradas. Demasiados anos xogando ao Monopoly. O noso é un urbanismo feito a retallos, fragmentario, imprevisible, desestruturado, incoherente, sen elegancia nin sensibilidade. Aínda que a obra, dadas as condicións económicas, constrúase en varias fases, falta unha visión ampla, un proxecto de conxunto. No caso concreto de Sabarís, despois de décadas de descoido e desamparo, resulta incrible a ausencia dunha estrutura urbanística que contemple o vieiro exterior, a configuración de espazos de aparcamento e lecer, as negociacións con Costas e a remodelación do paseo e as traseiras das fincas. Tiveron tempo dabondo para artellar unha resposta coherente aos porque, os como, os para que e os para quen. Sentido e criterio a longo prazo. Conciencia das fins. Calidade de vida.

Unha meditada proposta obrigaría, tamén, a unha maior responsabilidade por parte dos cidadáns, nos seus criterios e opinións. Non se trata de falar por falar, nin as respostas veñen nas revistas de decoración. Calquera realización humana, como forma de comunicación que é, precisa dun receptor curioso e interesado. Activo. Educado. Tanto ten, desde esta perspectiva, que o motivo, o catalizador, sexa unha pintura, unha exposición, ou mesmo, unha, moito máis determinante e directa, intervención urbanística. Expoñer supón confrontar o traballo propio coa mirada e o xuízo alleos. Expoñer é expoñerse. Sempre. Ese é o fundamento de toda arte, si, mais tamén de toda obra humana que aspira a intervir ou relacionarse co espazo público. Se non aceptamos a crítica, mellor quedámonos na casa. Nunha entrevista de hai uns anos, Álvaro Siza, o xenial arquitecto e urbanista, declaraba que toda confrontación dun proxecto cos seus usuarios reais e futuros, aínda resultando, as veces, un esforzo doloroso, abríalle os ollos a variantes e consideracións das que non se decatara. E abría tamén, engado eu, os ollos dos mesmos veciños, que saberían, entón, das razóns e fundamentos de certas decisións. Así aprendemos todos. Evolucionamos. Hai máis cultura nese sinxelo xesto que en cincocentas exposicións, festas gastronómicas, romarías ou actuacións musicais. Nas últimas décadas, foi mais doado construír pisos que educar cidadáns. Deberíamos comezar por inverter os termos desa ecuación que nos levou ao desastre. Por iso, a estas alturas, nunha sociedade aberta e democrática, afundida nesta crise de proporcións bíblicas, semellan indiscutibles as bondades, e vantaxes, de implicar aos veciños nun proxecto público.

A mostra plástica de Sabarís titulouse, significativamente, Mercado da Arte. Como se unha manifestación artística non tivese outro sentido que a venda. Cousas de comerciantes, nos que resulta especialmente evidente unha mirada economicista sobre a realidade. O certo é que, desde unha perspectiva cultural, a única que recoñece o longo prazo, valor e prezo son dúas cousas distintas. Por iso resulta luminoso, tamén, que o maior descontento pola intervención urbanística veña fundamentado no certo e grave prexuízo económico que as obras van supoñer, este verán, para a actividade comercial. Como se as consecuencias dunha intervención urbana só se manifestaran, provisionalmente, durante uns meses. Unha redutora e simplista perspectiva que nos leva, unha e outra vez, aos inconscientes, maniqueos e pechados círculos previos á crise. O problema deste proxecto urbano, non é só o xeito de pensalo e impoñelo, senón, tamén, o de opoñerse a el. Por iso sospeito que, aínda que nesta cuestión puntual estean enfrontados, os esquemas mentais, utilitaristas e de curto prazo, da meirande parte dos comerciantes e veciños de Sabarís, ou mesmo da oposición política, son moi semellantes aos do Sr. Almuíña e os seus concelleiros. Así nos vai. Menos mal que, polo de agora, temos unha paisaxe que soporta todo.