Venres, 6 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Curuto do corvo O mercado de Sabarís

O mercado de Sabarís

Correo-e Imprimir PDF

mercado-sabaris-varelaHai artigos xornalísticos que teñen a calidade de empurrarnos á reflexión. Por riba, a solidez da información fai que sobrevivan ao paso do tempo, mantendo vixencia a case unha década da súa escrita. É o caso deste texto do historiador Carlos Méixome sobre "O mercado de Sabarís", que Valminor.info rescata, con autorización do autor, e convida á súa lectura nun momento onde a vida deste histórico punto de encontro da bisbarra navega con ventos arremolinados.
Ao parecer non é a primeira vez...

(Álvaro Peralta / Redación)

O mercado de Sabarís *

 

As xentes que teñen que achegarse á ponte da Ramallosa un luns pola mañá saben moi ben que van topar as estradas inzadas de coches. A razón é que ese día celébrase un dos mercados máis concorridos da contorna: o de Sabarís. No mercado actual pode atopar o consumidor de todo, dende roupa ata apeiros de labranza, dende ferramenta de albanelería a toda caste de froita, dende mel ou limóns do país ata cans de raza ou de palleiro, dende compactos pirateados ata camisetas dos grupos musicais de moda, pasando por productos de pastelería, chacinería, panadería… De todo hai no farturento mercado dos luns en Sabarís, que conta ademais, como diría o amigo Iglesias Viqueira, co atractivo de ter a dous quilómetros o casco da vila Baiona.

O mercado de Sabarís é un dos poucos exemplos que quedan de libre competencia comercial nesta fase de capitalismo monopolista, tamén nos circuítos de distribución e comercialización. Os 150 establecementos comerciais conviven, en perfecta harmonía, todos os luns con centos de postos ambulantes. Claro que a súa vocación comercial, se de tal cousa se pode falar ao referirnos a un lugar, vén de lonxe. Chamámoslle lugar porque non se sabe moi ben o que é, non é concello nin parroquia, pero concentra máis de dous mil habitantes.

Hai cen anos, Ulpiano Nogueira na súa Baiona, antiga y moderna, escrita conxuntamente con José de Santiago, falábanos xa da importancia económica da feira. Ao tempo que nos describe Sabarís como unha semi-vila na que hai numerosas tendas situadas a ambas as dúas beiras da estrada, nas que se abastecen os veciños das aldeas próximas, subliña tamén Nogueira que non hai casopas miserábeis, aínda que tampouco luxosos edificios, senón unha monotonía constructiva que pon de manifesto un certo benestar, sen a exposición de miseria que había noutros lugares do Val Miñor. Fálanos tamén das coloridas fachadas, que considera influencia dos moitos traballadores portugueses alí establecidos e que tiñan fama de ser uns auténticos artistas. Agora ben, para Ulpiano Nogueira o excepcional de Sabarís era a salientábel importancia económica que tiña para o Val a comezos do século. Descríbenola deste xeito nun texto que poñemos en galego:

Sabarís pode conceptuarse como o primeiro centro de transacción comercial que existe en todo o Val. O seu mercado semanal, de significativa importancia, é a principal fonte de riqueza que aquí existe, sendo ademais de suma e útil comodidade para o noso labrego, que obrigado a permanecer toda a semana en lugares afastados dedicado ás labouras agrícolas, atopa en día fixo un centro de contratación onde pode ofrecer con vantaxe as súas mercadorías. Este mercado, no que se venden productos tan esencialmente variábeis como cereais, peixe, aves, etc., serve para cotizar estes artigos, variando a oferta e a demanda, segundo a época e circunstancias de orde económica.”

mercado

Agora ben, o asentamento do mercado en Sabarís non foi cousa doada e si fonte de longos e permanentes litixios coa xurisdicción de Baiona. Ao fin a racionalidade, e sobre todo as poucas ganas de pagar impostos, remataron por consolidar a feira en Sabarís, moito mellor comunicado co conxunto do Val Miñor, ao pé da ponte e da estrada real, que a fortaleza baionesa do Monte do Boi.

O mercado dos luns comezou en Monte do Boi e tivo a súa orixe nun privilexio concedido polos Reis Católicos en 1497. Alí concorrían as xentes do Val Miñor e da xurisdicción de Santa María de Oia. Mais, aos poucos, Monterreal íase despoboando e as actividades comerciais desprazándose á Vila Vella ou Burgo Vello, o actual Burgo.

A situación chegou a ser preocupante xa que as autoridades locais conseguiron unha ratificación de Filipe III, en 1605, do privilexio concedido polos Reis Católicos, acompañada dunha ameaza de sancións de ata 10.000 marabedís para os que comerciasen fóra do recinto de Monte do Boi. Mesmo o Corrixidor de Baiona, Velázquez de Bustamante, ordenou ao pregoeiro que percorrese os distintos lugares para dar a coñecer a provisión real na que, segundo recolle Herminio Ramos, se prohibía vender viño e outros productos no río do Burgo e ademais ordenábase “que non haxa tenda de oficio nel, nin forno de cocer pan de venda, e que tampouco haxa no dito Burgo nin na Ramallosa xastres nin zapateiros nin outros oficiais con tenda, que non haxa tampouco tenda de ningunha caste, só unha taberna e o mesmo en Viso de Calvos”.

As medidas non deberon acadar o éxito esperado xa que volvemos ter noticias das presións sobre o mercado de Sabarís. De novo Herminio Ramos é quen nos informa do acordo do Concello de Baiona, en 1736, prohibindo o mercado de Sabarís, establecendo multas que podían chegar ata a perda de todo o que venderan e lembrando que o lugar de mercado era Monte do Boi.

Poucos anos despois, en 1742, D. Roque Ascutia, nese intre Gobernador de Monte do Boi, pretendeu que todo o que se vendese dentro da fortaleza quedase libre de dereitos reais e ordenou aos soldados que lle tirasen os produtos aos que os vendían polos camiños.

Mais o mercado ao pé da Estrada Real ía consolidándose. As autoridades de Baiona intentaron de novo impedilo, en 1823, cando o Concello de Baiona solicita que se envíen tropas para que prendan aos que estean vendendo e se lles multe. A finais dese mesmo ano os soldados desfixeron o mercado.

sabaris-rua-principalBaiona tiña perdido xa o control da feira dende había tempo. Os vendedores negábanse sistematicamente a ir a Baiona e cando aparecían as milicias levantaban os tarecos e púñanse a vender na Robaleira, ou polos camiños da outra beira do río.

Pouco a pouco as cousas foron mudando. Se algúns vendedores foxen ao chegar as tropas hai outros que xa se arrepoñen, como José Estévez, quen o 18 de Maio de 1838 seica insultou aos soldados, que despois de prendelo levárono ante o xuíz.

Cara mediados do século XIX, tras as mudanzas nas tácticas militares e nas estratexias defensivas do período anterior, Monterreal quedou abandonado. O mercado de Baiona continuou e Sabarís converteuse na rúa comercial do Val Miñor.

Cando xa andamos no século XXI, segue a haber mercado, os luns, en Sabarís.

*Artigo publicado orixinalmente en A Nosa Terra nº 1.105.
Do 20 ao 26 de novembro de 2003