Xoves, 2 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Agrávase a crise entre funcionarios e autoridades do Concello de Gondomar.

Agrávase a crise entre funcionarios e autoridades do Concello de Gondomar.

Correo-e Imprimir PDF
Funcionarios do Concello de Gondomar protestan no pleno (foto arquivo)

O Comité de Persoal do Concello de Gondomar decidiu emprender accións legais e administrativas tendentes á anulación da resolución do Alcalde Martín Urgal e o seu equipo de goberno, de afastar á Secretaria Municipal e a Técnica de Administración Xeral, da súa labor de “informar, requirir ou incidir” na tramitación de todos os expedientes de contido urbanístico”. Os funcionarios municipais entenden que as devanditas resolucións do Concello de Gondomar deben ser anuladas “por infrinxir o ordenamento xurídico e por vulneración de dereitos constitucionais”. Neste senso foron presentadas as solicitudes ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra, perante a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (Dirección Xeral de Administración Local) e ante o Valedor do Pobo. Os traballadores describiron a relación entre funcionarios e goberno como “tensa y grave”, logo dunha semana onde se reiteraron comunicados da alcaldía intimidando ás funcionarias a non exercer “obstrucións" a labor do asesor externo contratado Martínez Torea, que as suple nas súas competencias urbanísticas.

A medida nace dunha asemblea de traballadores do Concello de Gondomar celebrada o 1º de abril que contou coa presenza da Secretaria Municipal e da Técnica de Administración Xeral do Departamento de Urbanismo. Nesa xuntanza foi exposta a problemática e a gravidade da situación de ambas traballadoras, decidíndose por unanimidade formular a devandita denuncia. Os traballadores entenden que o relevo e apartamento da Secretaria Municipal das súas funcións de control na tramitación de todos os expedientes de contido urbanístico “atenta directamente contra o principio administrativo de obxectividade, transparencia e imparcialidade ó que deben someterse as administracións públicas na súa actuación, xa que as funcións das que foi relevada, son exercidas neste momento por un asesoramento externo baixo a modalidade de contrato menor administrativo de servizo”. O que xera “inseguridade xurídica ós cidadáns”. Agregan que a lexislación indica que son funcións públicas “o asesoramento legal preceptivo, a fe pública e as funcións que impliquen exercicio de autoridade, estando reservadas as mesmas exclusivamente a funcionarios.”

Relevo da Técnica de Administración Xeral do Departamento de Urbanismo.

O relevo e o apartamento da Técnica de Administración Xeral do Departamento de Urbanismo “incumpre a asignación de funcións que a relación de postos de traballo lle confire á mesma, xa que as súas funcións son a coordinación administrativa do negociado de Urbanismo (planeamento urbanístico, xestión da execución urbanística e control da mesma: expedientes de concesión de licenzas, sancións por infraccións urbanísticas, de reposición da legalidade)” afirma o Comité de Persoal. E sinala que os funcionarios públicos teñen dereito “ó desempeño efectivo das funcións da súa condición profesional e ó respecto á súa propia imaxe e dignidade no traballo.”

A resolución do Concello adolecería de vicios de nulidade de pleno dereito.

As resolucións da Alcaldía que afasta das súas funcións ás funcionarias, de datas 18 de febreiro e 25 de marzo de 2011 “adolecen de vicios de nulidade de pleno dereito por ser ditadas por órgano manifestamente incompetente por razón da materia”, afirma o comité. E sinala que “ toda vez que o Sr. Alcalde-Presidente non é competente para relevar a funcionarios públicos das funcións”, xa que “o ordenamento xurídico lle encomenda, sen prexuízo doutras vías procedimentais de que dispoña e que de como resultado este apartamento e que non se seguiron no Concello de Gondomar contra as devanditas funcionarias” indica o escrito dos funcionarios, e que cita por exemplo o procedemento do expediente disciplinario. De feito esta foi a vía reclamada tanto polos funcionarios como pola oposición no pleno da corporación, xa que é a única posibilidade que ten as funcionarias afectadas de defenderse ante as acusacións feitas a través das resolucións da alcaldía, así como nas manifestacións plenarias dos membros do actual goberno contra elas.

Os funcionarios denuncian máis acoso, novos comunicados intimidatorios e falla dun Interventor permanente no Concello.

Segundo o denunciado pola mesa sindical, no transcurso da semana a Alcaldía emitiu dous novos comunicados onde reiteraba a Técnica de Administración Xeral do Departamento de Urbanismo “que non debe interferir a labor do letrado contratado polo concello e que, por tanto, debe adicar o seu tempo a realizar, baixo as instrucións do interventor, a liquidación dos orzamentos relativos ós anos 2009 e 2010, conforme se lle ordenou e apercibiu.” De feito nestes momentos o Concello de Gondomar ten un Interventor que acumula as súas funcións coas de Secretario no Concello de Vilaboa, xa que, segundo o manifestado polo Comité de Persoal, non se atopa ningún Interventor ou interventora interesado en desempeñar a súa labor no Concello de Gondomar. O Interventor só está un día a semana no Concello, informan.

O Comité de Persoal acudiu no día xoves 28 ao Pleno Ordinario do Concello de Gondomar coa súa pancarta e os seus carteis reivindicativos en defensa dos dereitos das dúas traballadoras e afirma que o seguirá facendo mentres continúe esta “grave situación”.