Venres, 3 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Gondomar: O Concello substituirá á labor das Técnicas Municipais de Urbanismo por unha consultoría privada

Gondomar: O Concello substituirá á labor das Técnicas Municipais de Urbanismo por unha consultoría privada

Correo-e Imprimir PDF
O urbanismo volve a ser un punto de conflicto en Gondomar
Rolda de prensa do BNG onde amosaron á prensa a documentación referida
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte

Nunha decisión que non reviste precedentes en Galicia, o Concello de Gondomar ordenou apartar das súas funcións en materia urbanística á Secretaria Xeral e á Técnica de Administración Xeral do municipio.

Logo prohibirlles "informar, requirir ou incidir na tramitación de todos os expediente de contido urbanístico", o alcalde Martín Urgal asinou un contrato por 6 meses e 2.916€ mensuais co avogado José Martínez Torea que pasará a cumprir a meirande das competencias que nesta materia tiñan as devanditas funcionarias. A medida foi cualificada como "unha prevaricación de libro" polo Bloque Nacionalista Galego, opositor ao goberno tripartito, que deu a coñecer esta información no mediodía deste venres 26 de marzo. Os nacionalistas alertaron que as resolucións e licenzas outorgadas a partir de agora "serán nulas de pleno dereito". Pola súa banda, tanto o alcalde Martín Urgal como o seu 1º tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo Alfonso de Lis non descartaron ir a máis e dar un segundo paso cun expediente contra as devanditas funcionarias acusadas por estes de "manter una actitude negativa" e responsabilizalas por "ineficacia administrativa" e "neglixencia", o que deixa ao seu entender nun " bloqueo administrativo" ao concello.

O Concello de Gondomar pagará 2.916€ por mes ao avogado Martínez Torea.

O contrato co avogado Martínez Torea foi asinado o pasado 22 de febreiro, catro días despois da resolución de Alcaldía contra as funcionarias e en base a un presuposto de honorarios elevado polo devandito profesional con data 9 de decembro de 2010. No escrito, o municipio delega en Martínez Torea , quen ven desenvolvendo asesorías xurídicas externas ao concello dende 2009, a redacción de "dictámenes jurídicos en cuestiones urbanísticas"; o estudo e redacción de informes "con propuesta de resolución, en expedientes de solicitud de licencia urbanística"; proposta de "incoación y resolución de expedientes de expropiación"; seguimento da tramitación do "Plan General y el posterior cumplimiento de sus determinaciones"; o informe e proposta de resolución sobre o desenvolvemento "del planeamiento secundario", e mais a "Asistencia a la Alcaldía y al Concejal Delegado de Urbanismo en los asuntos y actos que le requieran. " Pola súa banda, Martínez Torea comprométese a destinar un "tiempo medio de 25 horas semanales en jornada flexible según las necesidades y programación de los trabajos objeto del contrato". O prezo convido polos servizos do profesional é de 17.500€ (IVA incluído) a pagar en seis mensualidades de 2.916,66€.

 

O contrato con Martínez Torea conta có informe desfavorable da anterior interventora e o herdará o próximo goberno municipal.

O contrato asinouse a pesar do informe desfavorable emitido pola ex interventora de Gondomar Olga Gómez Corbal, o 21 de xaneiro de 2011. No devandito escrito, a funcionaria ademais de indicar algúns defectos de forma da solicitude dunha partida de 17.500€, para cubrir os custes do futuro contrato, cuestionou a "necesidade e idoneidade" do mesmo. De feito, as autoridades municipais baseaban o pedido nunha insuficiencia de persoal para atender a carga de traballo en Urbanismo e Intervención, ao que a funcionaria sinalaba que nos orzamentos municipais xa existe unha reserva para contratar máis persoal nesas áreas, o que non xustifica unha contratación externa. O 16 de febreiro o alcalde levantou o reparo da Interventora, baseado na transitoriedade desta carga de traballo, polo que non se xustificaba a contratación de máis funcionarios permanentes pero sí a contratación da asesoría externa do citado avogado.

O contrato terá validez ata o vindeiro 22 de agosto de 2011, polo que deberá ser asumido pola nova administración que asuma o mandato despois das próximas eleccións municipais. Desta maneira queda o próximo goberno queda cominado a manter este "modus operandi" urbanístico ou pagar as respectivas indemnizacións ao profesional contratado.

 

Funcionarias incompetentes ou carga de traballo excesiva?

Dos documentos asinados polo goberno e aportados polo BNG e das conversacións mantidas coa conselleira Natalia Salgueiro (portavoz do PP) e mais co alcalde Martín Urgal, despréndese unha dobre argumentación. Por unha banda, ambos representantes populares afirmaron que ante a renuncia voluntaria da ex Interventora Olga Gómez Corbal, o grupo municipal decidiu que a Técnica de Administración Xeral Elena Ares Salgado deixase as súas obrigas en Urbanismo e pasara a desempeñar de forma urxente as funcións da anterior Interventora con carácter "accidental".

Tanto Urgal como Salgueiro sosteñen que a prioridade para estes meses finais do mandato era poñerse ao día cos provedores. E que sen este "traslado" da Técnica de Administración non se podía levar adiante a tarefa. "Hai diñeiro para pagar", afirmou o alcalde Martín Urgal a Valminor.info, agragando que non soportaba máis que as empresas que traballan para o concello leven máis dun ano solicitando cobrar.

Por outra banda, Urgal e Salgueiro afirmaron que a medida de afastar ás funcionarias da área de Urbanismo permitiría tamén deter o enfrontamento "entre funcionarios" deste área municipal, que ten paralizado ao Concello. Salgueiro afirmou que non había ningún enfrontamento coas funcionarias por parte do equipo de Goberno. Pero cando se lle consultou polas acusacións vertidas por Martín Urgal contra elas na resolución da Alcaldía, contestou non estar ao tanto das mesmas.

De feito no documento de resolución do “afastamento das tarefas urbanísticas da Secretaria e a Técnica de Administración”, se sostén que existe "unha morea de cuestións" que evidencian a "ineficacia administrativa". A continuación, logo dunha extensa crítica á resolución contraria en xaneiro de 2011 polo outorgamento dunha licenza por parte da Secretaria Municipal, afírmase que "do mesmo xeito que a Técnica de Administración Xeral nos seus respectivos informes,(afirman) que Gondomar era e é un Concello carente de normativa urbanística, seguindo as pretensións, coincidentemente, do grupo da oposición representado polos cinco Concelleiros de BNG". No devandito informe tamén se sinala que debe "engadirse o abandono, por neglixencia" dos expedientes de obra no Plan E 2010, a "risco de perder a subvención de 1.400.000€", por cuxo motivo xa foi advertida no seu día a Secretaria Municipal". O documento tamén responsabiliza ás funcionarias da perda da subvención dun vehículo para a Policía Local "ao non estar atentas á publicación insertadas no DOG e no BOP que poidan afectar ao Concello". Todo isto supón para Martín Urgal "unha conducta hostil e desleal das mencionadas funcionarias cara ao Goberno Municipal".

Unha vez citadas ditas partes do documento, Urgal recoñeceu que a situación de "inmobilidade" na que está o Concello " xa non se pode consentir " e responsabilizou ás técnicas pola súa actitude negativa. Consultado entón por que non se abría expediente contra aqueles funcionarios que supostamente mantiñan unha actitude do calibre do denunciado, Urgal afirmou que de seguir de alcalde no próximo período o faría, "no me tiembla el pulso a la hora de hacerlo" afirmou, pero como ten decidido non presentarse nas próximas eleccións, non o fixo.

Para Alfonso De Lis a asesoría externa de Torea é lexítima e asegurou que ningún funcionario lle “vai a poñer a proa do que ten que facer.”

De Lis, afirmou compartir totalmente o contido dos documentos asinados polo alcalde Martín Urgal e agregou que abrir un expediente contra as funcionarias denunciadas nos escritos "posiblemente sexa o próximo paso a dar" pola súa parte. De Lis non amosou ningunha dúbida sobre a responsabilidade da Secretaria Municipal e mais da Técnica Administrativa na parálise que en materia urbanística sofre o Concello de Gondomar. " Me teño enfrontado a elas " dixo, e agregou que non deixará de facelo cando ao seu entender estea en xogo "o interese xeral". O concelleiro afirmou que a súa preocupación é non recibir denuncias dos veciños porque o Concello non autorice licenzas conformes á lei.

O concelleiro informou que dende a semana pasada o Concello xa entregou 7 ou 8 licenzas, entre elas unha para a edificación dunha vivenda unifamiliar. Por outra banda, de Lis afirmou que todas elas contan co informe favorable do Arquitecto Municipal.

 

O BNG denuncia que os funcionarios traballan con medo e que “nos atopamos fronte a unha prevaricación de libro".

Durante a presentación da documentación que informaba do contrato firmado con Martínez Torea e mais da medida tomada contra ás funcionarias municipais, o BNG asegurou haber presentado xa unha denuncia dos feitos ante a Sub Delegación do Goberno, perante a Fiscalía e perante a Consellería da Presidencia da Xunta de Galicia, pondo de manifesto os feitos relatados.

O concelleiro Antón Araúxo (ex rexedor de Gondomar) denunciou como obxectivo deste incidente a necesidade de "informes urbanísticos á carta que ten este goberno agobiado de promesas que non puido cumprir". Logo de reflexionar que esta medida do goberno de "cargarse a dúas funcionarias de carreira e unha delas habilitada estatal”, no caso da Secretaria, preguntouse "Quen vai mirar agora pola legalidade?. Agora a custodia e a información urbanística pasa dun órgano público a un particular", sinalou.

Araúxo desmontou o argumento da necesidade de contratar unha consultoría externa "aínda cando hai diferenzas ou problemas cos funcionarios responsables", e citou que se poden dirixir as mesmas a organismos como O Consello Consultivo de Galicia, a Deputación Provincial, ou mesmo á Universidade de Vigo. Tamén cuestionou a validez das licenzas que se están otorgando con posterioridade á firma do contrato co avogado sostendo que trátase dun "atallo moi perigoso" e sen precedentes en Galicia, Araúxo sostivo que esas licenzas "son nulas de pleno dereito" e que non lle dan "seguridade xurídica" aos portadores das mesmas.

Pero no que os nacionalistas fixeron maior fincapé foi na descalificación por escrito que Martín Urgal fixo das funcionarias. Según Arauxo a descalificación vai na mesma liña da xa presentada en novembro de 2010 noutro escrito por Alfonso De Lis no pleno municipal, e que provocou a retirada da sala do BNG. Unha modalidade inxusta porque "non permite a defensa por parte dos funcionarios aludidos" afirmou. De feito, no pleno de novembro, logo das acusacións vertidas por De Lis contra as mesmas funcionarias, a Secretaria Municipal Nuria Lobato pediu a palabra para intervir feito que o alcalde non o permitiu. Arauxo preguntouse “por que o concello non abre expedientes contra elas para que poidan defenderse?".

A maiores, os nacionalistas criticaron a duración do contrato, pois o próximo goberno recibirá esta "herdanza", e deberá asumir pagar os cutes da súa rescisión. Consultado polos medios presentes na rolda de prensa, sobre cómo cualificaría esta situación, Araúxo afirmou "É unha prevaricación de libro, propia dunha república bananera".

 

Repercusións no goberno municipal por mor da filtración dos documentos por parte do BNG.

A primeira sensación constatada ao consultar aos membros do goberno municipal foi de sorpresa pola "filtración" deses documentos. O secretario persoal do alcalde e presidente local do PP, Eladio Bargiela mostrouse contrariado pola achega á prensa do documento da resolución sobre as funcionarias municipais, por tratarse dun documento reservado. No mesmo senso, o alcalde Urgal manifestou ao igual que o concelleiro de Lis que non podían entender como eses documentos chegaran á oposición, e aseguraron que noutros casos, incluso antes que a eles mesmos.

Con respecto á presentación de denuncias por parte do BNG ante as autoridades autonómicas, nacionais e á xustiza, Martín Urgal afirmou non estar preocupado, egandindo que “xa está ben de paralizar ao concello". O rexedor afirmou sentirse tranquilo cós informes do Arquitecto e mais do Aparexador municipais na área técnica e máis a asistencia xurídica de Martínez Torea. Tamén apelou ao sentido común, "non estamos nunha cidade de grandes construcións" afirmou, “e todo isto é para que un obreiro poda facer a súa casa ou traballar e que lle paguen có rexurdir da construción” afirmou. "Que me leven ante a fiscalía cando queiran si iso é delito", reiterou.

Para o alcalde "O BNG é pobreza", segundo a súa opinión. O rexedor considera que oposición non é sensible coa situación provocada polos funcionarios e as súas supostas repercusións na vida económica do Concello e a economía local. Urgal non tivo reparo en afirmar que os nacionalistas "son todos funcionarios e todos cobran a fin de mes, por iso lles importa un carallo todo o demais".