Venres, 26 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Manel Cráneo, este martes no club de Lecturas Debuxadas de Espazo Lectura

Manel Cráneo, este martes no club de Lecturas Debuxadas de Espazo Lectura

Correo-e Imprimir PDF
Espazo_Lectura

O martes 16 de novembro, celébrase unha nova xuntanza do club de cómic Lecturas Debuxadas organizado pola asociación Espazo Lectura.

Nesta ocasión, o cómic escollido é Os lobos de Moeche do ilustrador galego Manel Cráneo.

Será na Biblioteca de Gondomar a partir das 20.00 horas.

A partir das 21.00h o propio autor, Manel Cráneo, achegarase para compartir as impresións dos lectores e lectoras sobre o álbum.

O libro

Os lobos de Moeche (Demo Editorial, 2009) narra unha aventura que transcorre no ocaso do século XV. A trama ten como telón de fondo a revolta Irmandiña.

No ano 1497, na cidade italiana de Bolonia, Martín de Ferreira asina un libro coas súas memorias no que lembra os feitos que fixeron que pasase de ser un mozo labrego a converterse nun home do Renacemento.

Xunto ao seu irmán Lopo vivirá, nas terras do Eume, unha intensa aventura marcada por dramáticos acontecementos, nunha época socialmente afogada polo sistema feudal, onde a xente dos pobos e vilas non tardarán en reaccionar aos abusos da nobreza de forma contundente.

O autor

Manel Cráneo (A Coruña, 1973) é debuxante e ilustrador cunha ampla actividade desde mediados dos anos noventa, cando promoveu numerosísimos fanzines como Ovo, Costra de Postre, Os rústicos da guadaña, Craneografía e Craneofilia. Participou nas dúas etapas da revista Golfiño realizando a serie "A fraga Milmañas" con guións de Carlos Amil. Traballos seus viron a luz en cabeceiras colectivas como BD Banda, Barsowia e Subterfuge. É ex presidente da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), liderou a súa práctica refundación en 2003. Na mesma época foi o principal promotor con Kike Benlloch do Colectivo Chapapote, resposta ao desastre do Prestige coa participación de ducias de ilustradores. Ademais dunha longa experiencia en cartelismo e publicidade, é o responsable do storyboard de diversos filmes como (O lapis do carpinteiro) e curtametraxes (como A ti como se che di adeus).