Venres, 19 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Obradoiro de ilustración con Chus Ferrín

Obradoiro de ilustración con Chus Ferrín

Correo-e Imprimir PDF
Este mércores 2 de abril celebrarase en Gondomar o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil cun obradoiro de ilustración a cargo de Chus Ferrín. O acto, organizado por Espazo Lectura coa colaboración do Concello de Gondomar, está pensado para nenos e nenas de máis de tres anos e terá lugar ás 18 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar. A asistencia será libre.

Este obradoiro de ilustración forma parte da programación "Abril, libros mil", e que irá desglosando a súa axenda e nas próximas datas constituindo unha verdadeira oferta arredor do libro e da lectura que Espazo Lectura e a Concellalía de Cultura do Concello de Gondomar levarán a cabo este mes de abril.

O Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil celébrase en todo o mundo, promovido polo IBBY (International Board on Books for Young People) desde 1965. Con esta actividade na biblioteca gondomareña, Espazo Lectura e o Concello de Gondomar pretenden fomentar a lectura entre os máis novos.

Chus Ferrín (Vigo, 1968), a ilustradora que visitará Gondomar o próximo mércores, estudou Belas Artes na Facultade de Pontevedra na especialidade de pintura. Expuxo as súas obras en diversas entidades e recibiu o premio de escultura Cidade de Lugo. A súa primeira obra ilustrada de literatura infantil foi A encontadora (2003), á que seguiron textos como Bugina namorada (Xerais, 2003), Contos prodixiosos (Xerais, 2004), Unha de lobos (Baia, 2005), O ladrón de paxaros (Baia, 2006), etc.