Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Este sábado, 20 de outubro, nace o Comando Le, unha nova actividade de Espazo Lectura

Este sábado, 20 de outubro, nace o Comando Le, unha nova actividade de Espazo Lectura

Correo-e Imprimir PDF
Espazo lectura

Este próximo sábado 20 de outubro ás 12:00h Espazo Lectura convoca na Casa da Lectura (enriba da Biblioteca Municipal de Gondomar) unha xuntanza para botar a andar, dentro da súa programación de fomento da lectura, unha nova actividade dirixida a rapaces e rapazas de 12 a 15 anos: o Comando Le, un grupo de activismo cultural. Cada trimestre convidarémolos a achegarse a un tema diferente a través do cine, os debates, a música, as conversas, as saídas, a amizade e, por suposto, os libros. A reunión está aberta a todos os rapaces e rapazas que queiran informarse e integrarse neste grupo.

Para Espazo Lectura é un reto ilusionante abrir esta nova liña de traballo, longamente demandada polos rapaces e rapazas que formaron parte do noso club de lectura compartida Lendo contigo (de 7 a 11 anos) e que agora non tiñan dentro da programación da asociación ningunha actividade axeitada para a súa idade. Agardamos que entre todos sexamos capaces de facer que o Comando Le sexa unha nova fiestra para o achegamento á cultura desde a lectura e a reflexión crítica.

Espazo Lectura é unha asociación que organiza no Val Miñor unha programación estable que inclúe máis de cen actividades anuais, tanto para público infantil como para público adulto: contacontos, clubs de lectura, sesións de dinamización lectora na Casa da Lectura, Noite na biblioteca, Fogueira dos versos, Semana do Libro e a lectura, etc. Con esta nova proposta do Comando Le, Espazo Lectura pretende chegar a un novo sector social, a mocidade, ofrecendo unha actividade de ocio e de formación na que os propios rapaces e rapazas terán moito protagonismo.