Luns, 9 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Convocan concentración na Ponte d'A Ramallosa contra a "reforma Gallardón" da lei de aborto.

Convocan concentración na Ponte d'A Ramallosa contra a "reforma Gallardón" da lei de aborto.

Correo-e Imprimir PDF
Alberto-Ruiz-Gallardon-descarta-el-aborto-de-menores-sin-consentimiento-paterno-400x300

Baixo o lema "Decidir fainos libres" está convocada unha concentración para o vindeiro venres 28 de setembro ás 20 horas na Ponte d'A Ramallosa, en protesta contra o proxecto do goberno de España cara a modificar a actual lei 2/2010, da saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo (IVE). O acto no Val Miñor está convocado pola Plataforma Galega dos Dereitos Sexuais e Reprodutivos e as organizacións políticas e socias asinantes do manifesto "Decidir fainos libres". O acto enmárcase no Día de Acción Global polo Acceso ao Aborto Legal e Gratuíto" a celebrarse na devandita data a nivel mundial.

 

As organizacións convocantes entenden que o proxecto de modificación da lei 2/2010(IVE) que actualmente está a elaborar o ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, "discrimina e limita os dereitos das mulleres sobre os seus corpos e as súas vidas". Agregan que o intento por abolir ou restrinxir o dereito a abortar en condicións legais "suporá un risco para a saúde e a vida das mulleres", ademais dunha perda dos "dereitos adquiridos pola cidadanía".

"A prohibición da interrupción voluntaria do embarazo (IVE), é un mecanismo de poder e de control sobre as mulleres, sobre os seus corpos, a súa sexualidade, a súa autonomía e as súas decisións reprodutivas", manifesta o colectivo. Nese senso, afirman que a lei 2/2010 (IVE), "supuxo un avance no recoñecemento ao dereito das mulleres a decidir sobre os seus corpos", polo que engaden "Por iso non podemos quedarnos caladas ante a anunciada derrogación desta Lei polo goberno".

Principais puntos da aínda vixente Lei 2/2010 de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo:

-O 3 de marzo de 2010 promulgouse a nova lei do aborto e entrou en vigor o 5 de xullo de 2010. Esta nova lei denomínase: Lei Orgánica 2/2010 de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo.

- Marca un prazo de aborto libre para todas as mulleres maiores de 16 anos ata as 14 semanas de embarazo.

- Permitiranse abortos a partir das 22 semanas, só se se descobren anomalías incompatibles coa vida ou enfermidade extremadamente grave e incurable do bebé.

- Como na antiga lei do aborto poderase interromper o embarazo ata a semana 22 cando exista risco para a saúde física ou psíquica da nai.

- Esta nova lei sitúa a maioría de idade para abortar nos 16 anos. As menores terán que informar aos seus pais se deciden abortar pero, no caso de que aleguen que están sendo coaccionadas ou sufrindo violencia familiar, non se deberá informar aos proxenitores.

- Esta nova lei reflexa de forma expresa o dereito a exercer a obxección de conciencia dos profesionais sanitarios directamente implicados na interrupción voluntaria do embarazo.

Algúns aspectos coñecidos da reforma que está a traballar o goberno de España.

Se ben o ministro de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón aínda non deu a coñecer exactamente os puntos que o goberno intenta reformar da actual lei, ten feitas declaración públicas nas que manifestou a súa intención de restrinxir o dereito en casos de minusvalía ou malformación do feto, a obriga de contar co consentimento paterno en casos de menores de idade que queiran abortar, así como unha reformulación xeral da orientación da lei cara ao principio de "defensa do dereito á vida".

A actuación de Gallardón neste tema tamén ten como antecedente o recurso de impugnación a lei 2/2010 (IVE), presentado polo seu partido ante o Tribunal Constitucional en xuño de 2010.

As pegas do PP á lei de interrupción voluntaria do embarazo presentadas ante o Constitucional:

- O recurso impugna por "inconstitucionais" oito preceptos da lei (arts. 5.1.e, 8 in limine e letras a e b, 12, 13.4, 14, 15 letras a, b e c, 17.2 e 5, 19.2 parágrafo primeiro) e a Disposición Final segunda.

- O recurso sinala que aborto libre para todas as mulleres maiores de 16 anos ata as 14 semanas de embarazo, resulta incompatible co art.15 da Constitución Española que recoñece que "todos teñen dereito á vida".

- Se rexeita que as menores de idade podan abortar sen consentimento dos pais ou titores por entender que supón unha "flagrante violación dos dereitos dos pais a que os seus fillos reciban unha formación conforme ás súas propias conviccións e ignora as responsabilidades que lles son inherentes no exercicio da patria potestade".

- Así mesmo considérase "contrario á Constitución" o réxime concreto de regulación da obxección de conciencia plasmado na lei, "ao limitarse só a parte do persoal sanitario e esixir requisitos que limitan o seu exercicio".

-O recurso presentado polo PP recorre a obrigación de ensinar as materias relativas á saúde sexual e reprodutiva "desde unha perspectiva ideolóxica de xénero, así como o que se obrigue á práctica clínica de abortos".

O Ministerio de Xustiza recibe aos grupos a prol do "Aborto Cero" e fai "mute" cos colectivos que defenden a lei .

O pasado martes o secretario de Estado de Xustiza, Fernando Román García, mantivo unha reunión na sede do Ministerio con representantes de Derecho a vivir, iniciativa dependente do lobby católico Hazte Oír, partidario da ilegalización total da interrupción voluntaria do embarazo. A xuntanza orixinou críticas por parte de Mujeres ante el Congreso, que entenderon que o ministerio "ningunéa de forma tan abierta a las organizaciones de mujeres", que como este colectivo, levan dende xuño pasado esperando unha resposta do organismo ante un escrito no que solicitaban unha reunión para expoñer os seus puntos de vista sobre o tema.

Concentración n'A Ramallosa

Neste contexto político, os colectivos asinantes do manifesto "Decidir fainos libres", entende que é necesario que o venres as mulleres do Val Miñor se fagan oír n'A Ramallosa na súa defensa do dereito á interrupción voluntaria do embarazo: "A súa prohibición e criminalización, lonxe de reducir a súa práctica, o que supón é un risco para a saúde das mulleres, que teñen que realizalo na clandestinidade, en situacións pouco salubres, sobre todo para as que dispoñen de poucos recursos".