-A Plataforma Galega asegura que a prohibición da interrupción voluntaria do embarazo (IVE), "é un mecanismo de poder e de control sobre a sexualidade, a autonomía e as decisións reprodutivas das mulleres".
-Logo do acto n'A Ramallosa, a Plataforma decidiu presentar unha moción en defensa da Lei en Baiona, Gondomar e Nigrán.
A representación no Val Miñor da Plataforma Galega en Defensa dos Dereitos Sexuais e Reprodutivos presentará por rexistro dos tres Concellos Miñoranos unha moción que esixe ao Goberno Central o mantemento da Lei Orgánica 2/2010, así como insta ao Goberno da Xunta de Galicia a "pór tódolos medios necesarios para a implementación de dita Lei, de xeito que garanta que as mulleres da nosa Comunidade Autónoma poidan exercer o seu dereito á interrupción voluntaria do embarazo se así o desexan". O colectivo defende que a existencia da Lei de Dereitos Sexuais e Reprodutivos e Interrupción Voluntaria do Embarazo, non obriga a ningunha muller a abortar, senón que garante "o seu dereito a decidir".
Os membros da plataforma aseguran que de aprobarse a derrogación da actual Lei 2/2010, o goberno "estará violando os Dereitos Humanos das mulleres". Apuntan que os organismos internacionais indican que as leis restritivas "supoñen unha violación dos dereitos fundamentais da vida humana á igualdade, á dignidade, á xustiza e á liberdade; é dicir, neste caso, a Reforma de Lei supón una clara negación ao recoñecemento das mulleres como cidadás de plenos dereitos".
"O actual Goberno de España coa pretendida Reforma de Lei estará incumprindo o ditame emitido polas Nacións Unidas, que a través do Comité de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais e no seu informe do 18 de Maio de 2012, constata a súa preocupación e insta ao Estado Parte a que garanta a plena aplicación da Lei Orgánica 2/2012 de 3 de Marzo de 2010, de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo en todo o Territorio Nacional", sinalan. Así como recomenda a España a adoptar un procedemento básico común a tódalas Comunidades Autónomas para garantir un acceso equitativo á interrupción voluntaria do embarazo e asegurar que o exercicio da obxección de conciencia por parte de profesionais da medicina e demais persoal sanitario, "non constitúa un obstáculo para as mulleres que queiran por fin a un embarazo, con especial atención á situación das adolescentes e mulleres migrantes".
"Decidir fainos libres": Concentración na Ponte d'A Ramallosa.
O pasado venres a Ponte d´A Ramallosa constituíuse como punto de encontro do Val Miñor cara a reinvindicación da Plataforma Galega en Defensa dos Dereitos Sexuais e Reprodutivos. A xornada enmarcouse nunha convocatoria que no día 28 de Setembro ás 20:00h chamaba a tódala cidadanía de Galicia concentrarse baixo o lema do manifesto "Decidir fainos Libres". Acto que se sumou ao Día de Acción Global polo Acceso ao Aborto Legal, Seguro e Gratuíto que anualmente se celebra nesta data a nivel mundial.
Dita concentración fíxose en protesta contra a intención manifesta do actual Goberno de España de reformar a Lei Orgánica 2/2010, do 3 de Marzo, de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo (IVE), anunciada polo Ministro de Xustiza, Alberto Ruíz-Gallardón.
As convocantes aseguran que o anteproxecto de goberno consolida "termos claramente restritivos e de eliminación de dereitos e aplicando unha política da ideoloxía máis conservadora en contra da liberdade das mulleres a decidir sobre os seus corpos e as súas vidas". Aseguran que a prohibición da interrupción voluntaria do embarazo (IVE), "é un mecanismo de poder e de control sobre a sexualidade, a autonomía e as decisións reprodutivas das mulleres, é un acto de criminalización, que lonxe de reducir a súa práctica, vulnerabiliza a seguridade sanitaria e xurídica, coaccionando ás mulleres a por en risco a súa saúde, a súa liberdade e incluso a súa vida nos casos de acusada falta de recursos".