Varios centos de persoas, dúas mil segundo a organización, marcharon este domingo polas rúas de Vigo en reivindicación do dereito da muller a decidir sobre o seu corpo e a súa sexualidade. Unha marea lilá camiñou, nunha mañá de calor, propicia para encher as praias, deixando claro o forte rexeitamento social que esperta o recorte do dereito ao aborto que implicaría a aprobación do proxecto deseñado polo Ministerio de Xustiza. Todo nunha semana na que o Goberno acelerou os trámites legais e consultivos da contrarreforma (o venres o Poder Xudicial aprobou o seu informe, e o mércores a lei pasou polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde), para deixala durmir até setembro, cando se iniciaría o seu debate no Congreso.
A marcha, convocada pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, partiu pouco despois das 11.30 das estación de ferrocarril, onde as manifestantes viguesas agardaban por aquelas que chegaban doutras zonas do país. Dende o Areal, a mobilización camiñou por Concepción Areal, Montero Ríos, Cánovas del Castillo, Carral, Gamboa, Oliva, Palma, Triunfo, Praza da Constitución e Porta do Sol. Alí Isabel Risco leu un manifesto e celebrouse unha asemblea aberta. A seguir, comezou un xantar popular e a romaría lilá, coas actuacións de Habelas Hainas, The Tetas’ Van e Sonia Lebedynski.
Na presentación dos actos deste domingo, as representantes da Plataforma destacaron que “a reforma normativa que o PP pretende implantar nega e penaliza o dereito das mulleres a decidiren libre e responsablemente sobre a súa maternidade", ademais de supor "unha dobre discriminación por razón de xénero e e de clase social, porque aquelas mulleres que teñan recursos sairán ao estranxeiro e as que non os teñan arriscarán a súa saúde e vida recorrendo a un aborto clandestino”. “Berrarémoslles ao Partido Popular e ao señor Feijoo que non imos parar, que esta é unha loita fundamental para frear a agresión continua aos nosos dereitos como mulleres e como cidadás”, concluiron as representantes da Plataforma.
En moitos momentos dos últimos meses, pareceu que o Goberno e o propio ministro Gallardón estivese controlando os tempos, acelerando ou arrefriando o proceso, en función das circunstancias. Por exemplo, varias semanas antes dos comicios europeos do pasado 25 de maio, o desenvolvemento do proxecto detívose, ante o prexuízo electoral que lle podía provocar ao PP. Agora semella que o Executivo aproveitará precisamente o verán para acelerar a súa tramitación, en espera dunha desmobilización dos colectivos e plataformas opostas ao recorte. De aí a importancia desta marcha, que buscaba manter a mobilización social. Porén, Pilar Estévez, unha das voceiras da Plataforma, ante o desgaste que este proceso pode ter para o partido gobernante,preguntábase: "o PP está en condicións de seguir perdendo apoio electoral?". Estévez destaca que "socialmente estamos nun momento en que a xente non cala. E sobre todo as mulleres".
A manifestación buscaba amosar "a unidade e a enerxía de todas as mulleres galegas", xa demostrada en anteriores mobilizacións. De feito, a data escollida para esta marcha quería tamén conmemorar o primeiro aniversario da primeira gran mobilización convocada pola Plataforma Galega polo Dereito ao aborto, en xuño de 2013. O pasado 9 de marzo a praza da Quintana encheuse noutra gran manifestación polo aborto libre e gratuíto.
Ao Consello de Estado
O PSOE presentará este luns unha proposición non de lei no Congreso na que lle esixe ao Goberno que remita a contrarreforma da lei do aborto ao Consello de Estado, dada a "conflitividade" e a "confrontación social" que provoca a proposta do ministro Gallardón. Anunciouno este domingo a secretaria de Igualdade do PSOE, Purificación Causapié, que lembrou que en 2010 o Consello de Estado xa elaborou un informe favorable da lei de 2010. Causapié cre que, aínda que os seus ditames non son preceptivos, o órgano consultivo debería tamén agora analizar esta reforma que cuestiona "a liberdade, a vida e a saúde das mulleres".