A Coordinadora Nacional Galega da Marcha Mundial das Mulleres convoca a unha concentración diante do MARCO (Vigo) para este martes 28 de agosto ás 20:30 horas. Con esta medida, a coordinadora -na que participan colectivos do Val Miñor- pretende amosar o seu desacordo coas modificacións propostas polo ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, á vixente lei 2/2010 da saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo. Nomeadamente ante os intentos cara a restrinxir o dereito en casos de minusvalía ou malformación do feto.
A actual regulación establece o aborto libre ata a semana 14 e ata a 22 en caso de risco da vida ou a saúde da muller ou graves anomalías no feto, e sitúa en 16 anos a maioría de idade para adoptar a decisión. Pola contra, o ministro Ruiz-Gallardón, entende que a lei debe ser revisada no entendido que "el mismo nivel de protección que se da a un concebido sin ningún tipo de minusvalía o malformación debe darse a aquel del que se constate que carece de algunas de las capacidades que tienen el resto de los concebidos" segundo manifestacións á prensa o pasado mes de xullo.
Ruiz Gallardón o "Inquisidor".
"O ministro Gallardón quere converter em lei o que é simplesmente doctrina de fe" aseguran dende o colectivo de mulleres Coordinadora Nacional Galega da Marcha Mundial, nunha nota no seu portal web. Baixo o alcuño de "Inquisidor", agregan que o ministro segue "o caminho planeado polo nacional-catolicismo, amplamente representado nas instituiçons".
A Coordinadora Nacional Galega da Marcha Mundial das Mulleres, que ten a súa orixe na Marcha Mundial das Mulleres celebrada no ano 2000, leva con esta a súa cuarta concentración no que va do mes. E adiantan que "As mulleres non descansaremos ata que os escasos logros que obtivemos nos últimos anos sexan inamobibles e interiorizados polos gobernos presentes e futuros, como algo normalizado e fundamental dunha sociedade democrática e igualitaria."
Principais puntos da aínda vixente Lei 2/2010 de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo:
-O 3 de marzo de 2010 promulgouse a nova lei do aborto e entrou en vigor o 5 de xullo de 2010. Esta nova lei denomínase: Lei Orgánica 2/2010 de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo.
- Marca un prazo de aborto libre para todas as mulleres maiores de 16 anos ata as 14 semanas de embarazo.
- Permitiranse abortos a partir das 22 semanas, só se se descobren anomalías incompatibles coa vida ou enfermidade extremadamente grave e incurable do bebé.
- Como na antiga lei do aborto poderase interromper o embarazo ata a semana 22 cando exista risco para a saúde física ou psíquica da nai.
- Esta nova lei sitúa a maioría de idade para abortar nos 16 anos. As menores terán que informar aos seus pais se deciden abortar pero, no caso de que aleguen que están sendo coaccionadas ou sufrindo violencia familiar, non se deberá informar aos proxenitores.
- Esta nova lei reflexa de forma expresa o dereito a exercer a obxección de conciencia dos profesionais sanitarios directamente implicados na interrupción voluntaria do embarazo.