Inspirado nos principios do galeguismo histórico, no marco do nacionalismo de esquerda e republicano, foi presentado oficialmente nesta xornada o "Novo Proxecto Común. Asemblea Val Miñor - Oia". A formación, de carácter comarcal, agrupa persoas procedentes do BNG, o PSOE e independentes, que segundo expresan no seu manifesto constitutivo, son coincidentes na necesidade "dunha nova ferramenta política" nun tempo onde a expresión popular "todos son iguais", marca o actual afastamento do cidadán común dos partidos políticos.
A tal fin, o NPC constituirá asembleas locais en Baiona, Gondomar e Nigrán, a través dun chamado aberto a todos os veciños que queiran formar parte nun proxecto a artellar a nivel de toda Galicia, pero que tamén actuará no ámbito municipal.
A primeira terá lugar en Gondomar, o vindeiro sábado 28 de abril, na Casa da Cultura a partir das 20:30 horas. En Baiona será o luns 30 de Abril, ás 20:30h no Hotel Bahía e en Nigrán será convocada para o venres 4 de maio, ás 20:30 h no Hotel Soutomaior. Todas elas terán por obxectivo presentar o Novo Proxecto Común e tamén procurar artellar a organización de cada grupo local.
No acto de presentación, desenvolvido nas instalacións do Pazo de Mendoza (Baiona), estiveron presentes un grupo de militantes representativos da nova formación, entre os que se encontraban o ex concelleiro do BNG de Gondomar Xosé Antón Araúxo, así como o ex concelleiro nacionalista de Baiona Roberto Valverde.