Martes, 23 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Escindidos do BNG de Nigrán queren integrarse ao Encontro Irmandiño.

Escindidos do BNG de Nigrán queren integrarse ao Encontro Irmandiño.

Correo-e Imprimir PDF
AEN inicia conversas co Encontro Irmandiño liderado por X.M. Beiras

O grupo Alternativa de Esquerdas de Nigrán (AEN) - escindido do BNG meses antes das municipais de 2011- está a manter un diálogo de aproximación co Encontro Irmandiño de Xosé Manuel Beiras. O grupo, liderado polos ex concelleiros nacionalistas de Nigrán, David Giráldez, Xan Lois Cabreira e Anxo Valverde Pino, afirman estar dispostos a "participar no Encontro Irmandiño", logo dos primeiros contactos entre ambas as dúas agrupacións, así como integrar unha futura comisión negociadora.

Segundo o comunicado público emitido este mércores 21 de marzo, a iniciativa conta co respaldo da maioría dos integrantes da AEN. A agrupación de Nigrán ten a Xan Lois Cabreira e Anxo Valverde como interlocutores das conversas. Segundo informan, o resultado das mesmas trasladaranse posteriormente a asemblea local, "para debater as distintas opcións que se abren no novo escenario político galego e nacionalista, despois da escisión do Encontro Irmandiño do BNG, hai xa máis de un mes."

O AEN é a organización resultante da coalición electoral formada por FPG, PCPG e nacionalistas independentes que concorreron as pasadas eleccións municipais de Nigrán, logo da súa separación da formación local do BNG.

Os nacionalistas da AEN, salientan no comunicado que os acontecementos que "se están a vivir hoxe no seo do nacionalismo galego, gardan certa analoxía co acontecido hai xa dous anos en Nigrán, onde ante a torpeza, intransixencia e inoperancia tanto da dirección comarcal, como da dirección local, onde a UPG e +Galiza, copaban ambas direccións, fixeron de Nigrán un campo de probas que tivo como consecuencia o afastamento, ruptura e posterior baixa do BNG de Nigrán, de todos os seus cadros políticos, moitos militantes e a maioría dos colaboradores históricos do nacionalismo de esquerdas en Nigrán."