Mércores, 4 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Xurde novo espazo nacionalista no Val Miñor e Oia, crítico coa actual condución nacional do Bloque.

Xurde novo espazo nacionalista no Val Miñor e Oia, crítico coa actual condución nacional do Bloque.

Correo-e Imprimir PDF

A división do BNG a nivel nacional xa ten a súa nova faciana na bisbarra coa constitución dunha asemblea de militantes nacionalistas denominada "Novo Proxecto Nacionalista Común do Val Miñor – Oia". O colectivo agroma no convencemento de que o BNG, logo da pasada XIII Asemblea Nacional, deixou de ser "a casa común" do nacionalismo de esquerdas, en tanto confirmou "a existencia de dúas posturas diferenciadas que representan modelos organizativos antagónicos". A nova agrupación -integrada maioritariamente por independentes e algúns membros do Encontro Irmandiño e Máis Galiza- manifesta a súa intención de transitar "en boa avinza" a separación co BNG.

 

Primeiros pasos do novo espazo nacionalista.

Un cento de persoas dos concellos de Baiona, Gondomar, Nigrán e Oia , constituídos en asemblea, "diante da imposibilidade dunha convivencia harmónica dentro do BNG" –segundo manifesta o primeiro comunicado público do colectivo- acordaron, semanas atrás, a posta en marcha dun "Grupo de Base que fose quen de artellar a formación dun NOVO PROXECTO NACIONALISTA COMÚN no entorno do nacionalismo galego de esquerdas". Nese senso, constituíron unha comisión xestora integrada por oito membros representativos dos catro concellos, coa encomenda de poñer "as bases organizativas" da nova formación política, aínda non definida como partido nin como fronte de partidos.

A formación conta cunha páxina web de información e divulgación do seu proxecto. Na mesma ademais de xustificar a creación da nova corrente no marco da división xurdida na interna do nacionalismo, salientase que "nace da preocupación xerada pola actual situación social, económica e política que incide directamente no noso país golpeando amplos sectores da nosa sociedade."

Repercusións nas agrupacións miñorás do BNG

O concelleiro nacionalista por Gondomar, Xosé Antón Araúxo, escusouse de valorar de forma pública o xurdimento desta nova corrente. Nembargante, e de forma coincidente con outras fontes do nacionalismo da bisbarra, manifestou que trátase dunha realidade "difícil" pola que atravesan as agrupacións locais do BNG. Nomeadamente, o líder da maior agrupación nacionalista do Val Miñor, se referiu ao clima de harmonía coa que funciona o BNG Gondomar, nembargante os seus militantes deberán afrontar a decisión política de manterse ou non no Bloque, nunha próxima asemblea local, da que aínda non hai data establecida, pero que asegurou "será moi próxima".

En Nigrán as cousas non son moi diferentes, se ben Valminor.info dialogou con militantes que manifestaron a título persoal a súa vontade de manterse no BNG e outros de partir, tódalas fontes consultadas coincidiron na "tristeza" ante a situación pola que deberán transitar, ao tratarse dun equipo que traballa en "harmonía" e "gran compañeirismo".

O caso de Baiona ten o matiz da renuncia de Xosé Enrique Fernández a súa acta de concelleiro no derradeiro pleno municipal. Renuncia que non está ligada á formación do novo espazo nacionalista -do que Fernández non forma parte-, pero ao igual que este, baseado nunha crítica á liña asumida polo BNG logo da XIII Asemblea Nacional. Crítica que fixo de forma pública e le valeu o reclamo da súa acta por parte do Bloque. En Baiona, ao igual que no resto dos municipios miñorás, atópanse militantes que permanecerán e outros que abandonarán o BNG. Salvo en Gondomar, onde está plantexada unha asemblea local para tratar o tema, tanto en Baiona como en Nigrán a decisión será individual por parte de cada militante. Xeito acorde coa regulamentación do Bloque Nacionalista Galego, onde as afiliacións ao mesmo ten carácter persoal.