A Foz do Miñor súmase de telón de fondo á conmemoración do Día Mundial dos Humidais 2012 organizado polo Concello de Nigrán. As actividades terán lugar o próximo sábado 4 de febreiro ás 11h cun percorrido guiado e obradoiros aberto a todo o público. O biólogo Miguel Fernández presentou o estuario da Foz como "A Doñana galega" pola súa riqueza de flora, fauna e paisaxística.
Este espazo privilexiado permanece pechado ao marisqueo na actualidade polos elevados niveis de contaminación por augas fecais.
Video: Presentación da xornada do día mundial dos humidais
O vindeiro sábado 4 de febreiro, o Concello de Nigrán, a través da Concellería de Urbanismo e Medio Ambiente, organizará un acto entre as 11,00 e as 13,00 horas para celebrar o Día Mundial dos Humidais 2012. Con el conmemórase a data en que se adoptou a Convención sobre os Humidais (Convención Ramsar), o 2 de febreiro de 1971. Dende 1997, todos os organismos oficiais, organizacións non gobernamentais, e entidades cívicas e asociativas aproveitan esta festividade para levar a cabo diversos actos e actividades dirixidos a aumentar a sensibilización medioambiental das persoas acerca dos valores dos humidais e os beneficios que ofrecen en xeral.
Este ano 2012, o Concello de Nigrán quere sumarse a esta iniciativa coa organización dun percorrido guiado por biólogos e especialistas en medioambiente que partirá dende a antiga estación do tranvía, ó carón do parque infantil de A Ramallosa. No percorrido poderán participar todas aquelas persoas que queiran, sen límite de idade. Ademais, está prevista a organización dunha serie de obradoiros infantís, para nenos de entre 4 e 14 anos, aos que se lles obsequiará cun conto de temática ambiental. E para os máis maiores o concello agasallará cun mapa-guía do espazo e un caderno da natureza de esta zona.
Por outra banda o concello convidou a tódolos alumnos dos colexios do municipio a participar nesta actividade en compañía das súas familias. "O Día Mundial dos Humidais é unha magnífica oportunidade para que os nenos e nenas de Nigrán poidan coñecer da man de expertos a riqueza natural do estuario da Foz, a súa flora, a súa fauna e a importancia de coidala e mantela para os seus fillos", en palabras do alcalde..
A doñana galega
O biólogo Miguel Fernández presentou A Foz do Miñor como "A Doñana galega" pola súa riqueza de flora, fauna e paisaxística. Fernández explicou moitas aves procedentes de países como Francia ou Bélxica fan escala neste espazo natural na súa ruta migratoria norte-sur. "Debemos concienciar a xente de que non fai falla viaxar lonxe para atopar auténticos paraísos de gran valor", sinalou.
O alcalde de Nigrán asegurou que a celebración desta actividade en Nigrán é unha mostra máis do patrimonio natural de municipio. "Seguiremos traballando para protexer e revalorizar os espacios naturais do noso municipio, que axúdannos a consolidar a Nigrán como un destino de interés turístico para os amantes da natureza", engadiu. Así mesmo, animou aos turistas pontenciais a "imitar ás aves" e facer unha escala en Nigrán para coñecer os nosos atractivos turísticos, as praias, a historia, a cultura, a gastronomía e, por suposto, os espacios naturais.
A Foz do Miñor, unha das dúas zonas pechadas ao marisqueo en toda España por contaminación.
A Foz do Miñor pese a ser un paraxe de incalculable valor como LIC e zona de Rede Natura 2000 tamén ten o desafortunado "trofeo" de ser unha das dúas zonas de todo estado Español, pechada ao marisqueo por contaminación por augas fecais. Os índices de contaminación superan as 46.000 bacterias E.Coli por cada 100 gr. de ameixa. A outra zona pechada ao marisqueo é tamén unha praia galega, a de Caranza na ría de Ferrol ainda que esta última non é unha zona de Rede Natura.