Contaminar a Foz do Miñor sairá gratis, ou cando menos non será algo que deba preocupar de cara a poder recibir sancións económicas pola falta de depuración das propias administracións locais. Así se desprende da proposta lanzada o pasado sábado polo presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, presentando a parte galega do programa do seu partido para as eleccións europeas do 25 de maio.
O pasado decembro a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo votaba definitivamente o informe resultante da visita dunha delegación da Eurocámara ás rías do Burgo, Ferrol e Vigo.
A Foz do Miñor é unha das dúas únicas zonas de toda España, pechadas ao marisqueo polos seus altísimos niveis de contaminación por augas fecais. Nos últimos 10 anos a contaminación aumentou nun 800% e o problema segue sen solucionarse.
O presidente daquela delegación, o conservador Philippe Boulland, comezou a elaborar o diagnóstico cunha visión moi crítica sobre o que vira en Galicia, tamén sobre o papel das administracións competentes para sanear as rías. Pero a presión do PP español surtiu efecto e de nada serviron as protestas da austríaca Angelika Werthmann nin da letoa Tatjana Zdanoka, que viron nas rías unha situación "escandalosa" merecente de censura e sancións. Daquela os populares -tamén cos votos dos socialistas europeos- lograron o obxectivo de minorar as consecuencias políticas da contaminación e, cara á próxima lexislatura europea, semellan decididos a evitar tamén as de tipo económico.
O pasado sábado o presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, presentaba a parte galega do programa do seu partido para as eleccións do 25 de maio.
A falta de candidata ou candidato coñecido, o voceiro parlamentario, Pedro Puy, e o propio Feijóo foron os encargados de debullar as liñas mestras do documento, o único con "importancia" de cantos se presentan aos comicios, proclamou o presidente. No punto 14 deste programa, o último dos catro dedicados á "política medioambiental", o PP céntrase na directiva de depuración de augas UE, a mesma na que, cando menos en público, a Xunta enmarca os seus "esforzos" a prol da limpeza das rías. A aposta conservadora é que a UE "sexa máis flexible, en atención aos prazos e ás circunstancias".
"En cuanto a la directiva de depuración, trabajaremos para que la Unión Europea sea más flexible, en atención a los plazos y las circunstancias, de modo que los procedimientos relacionados con el incumplimiento de plazos no lleguen a suponer sanciones económicas".
O pasado decembro o PP xa bloqueou un informe crítico coa situación ambiental das rías galegas
Esa flexibilidade debería desembocar, en opinión do PP, en que "os procedementos relacionados co incumprimento de prazos", isto é, cos límites fixados para ter as rías saneadas -o 2015 no caso da ría do Burgo, por exemplo- non cheguen a supoñer sancións económicas" para o Estado español e, por extensión, para a Xunta. Esta proposta lánzana no mesmo documento no que eloxian a Unión por "permitir a creación de numerosas infraestruturas de xestión de residuos" e por ser "fundamental para comprender a situación actual da xestión da auga en Galicia". "A aplicación da normativa" que agora piden flexibilizar "supuxo un gran esforzo, pero taḿen un salto cualitativo para a nosa rexión", din.
A Foz do Miñor é unha das dúas únicas zonas pechadas ao marisqueo en toda España polos seus altísimos niveis de contaminación por augas fecais. Nos últimos 10 anos a contaminación aumentou nun 800%.