Xoves, 18 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Opinión O informe da UE sobre as rías galegas: consumouse a farsa

O informe da UE sobre as rías galegas: consumouse a farsa

Correo-e Imprimir PDF
Ence na ría de Pontevedra

Cantas persoas queren que cos seus impostos se procure unha mellora no medioambiente? A preservación da biodiversidade, o dereito á vida das especies que poboan a Terra e o intento de preservar a natureza e deixar o medio natural e o medio humanizado en mellores condicións ás xeracións que veñen atrás de nós parecen obxectivos racionais, compartidos pola maioría das persoas de ben, pero tristemente vemos como as políticas locais, autonómicas, estatais e europeas constitúen unha maquinaria destrutiva que esnaquiza calquera intento xusto de mellora medioambiental.

 

 

Sobre o papel, moitos dos cartos dos nosos impostos dedícanse á mellora medioambiental. Máis de 25.000 millóns de euros ten recibido Galiza de fondos europeos para o suposto obxectivo de acometer un saneamento real das Rías. Porén, a realidade mostra unha xestión indebida de tales fondos (cando menos nos aspectos técnicos e económicos, e probablemente tamén no legal), traducida nun aumento imparable da contaminación nas Rías. A construción de redes unitarias que contaminan as augas pluviais ao mesturalas coas augas residuais; un conxunto de depuradoras deficitarias, cando non inoperativas, a ausencia de interconexións que permitan transvasar auga contaminada dunha depuradora ás outras en caso de avería; a ausencia total de predepuración de augas industriais; a falla de mantemento das redes xerais; os erros na instalación de colectores e as fallas nos bombeos, non parecen formas axeitadas de conseguir mellora ningunha. O resultado son centos de puntos negros de contaminación en toda a costa galega, censados cada ano pola propia administración pública a través dos informes de Augas de Galicia.

 

A privatización do saneamento e do abastecemento de augas municipais, modelo de liberalización dos servizos públicos que tanto lle gosta á UE, provoca que os concellos e a administración pública se desentendan das súas obrigas e as empresas concesionarias incumpran os seus contratos en materia de construción de infraestruturas e canalizacións ou mesmo de posta en funcionamento de fases de depuración, por exemplo, o tratamento terciario bacteriolóxico instalado con fondos públicos pola propia Xunta de Galicia na EDAR de Cangas.

 

Os obxectivos economicistas que marcan á empresa privada, se traducen en falla de inversións en mantenemento, inoperatividade puntual de sistemas de bombeo e de depuración de augas residuais, especialmente cando chove torrencialmente ou polas noites, diluíndose de xeito oculto unha vez máis as augas residuais sen depurar cara ao medio acuático ou mariño.

A isto hai que engadir o grave impacto ambiental das obras realizadas incorrecta ou neglixentemente para aforrar cartos en tuberías e sistemas de bombeo. Os colectores sitúanse na beira do ríos e regatos, ou no seu propio leito; tamén se sitúan en primeira liña de costa, esburatando acantilados, estragando cantís e rochedos, ocupando dunares e instalándose mesmo dentro da ribeira do mar, nas propias rías, en solo rústico de especial protección.

E a todo isto súmaselle unha irresponsable insistencia na especulación urbanística, materializada en Plans Xerais de Ordenación Municipais que aínda hoxe, tras varios anos de crise, se deseñan moi por enriba das previsións demográficas reais e da capacidade de acollida do territorio. Isto impide toda planificación racional do abastecemento de agua potable e da depuración das augas residuais.

Pero… hai alguén máis comprometido coa defensa do medioambiente que os/as nosos/as gobernantes? Oídeos: sempre obrando de boa fe, traballando incansables na procura do ben común, abandeirados das loitas contra as desigualdades sociais, a corrupción e o paro, Reis da sostibilidade, Marqueses da ecoloxía, Condes da biodiversidade… Resulta que o único culpable de todos estes feitos é a dura realidade, que cunha teimuda ousadía gáñalle todas as batallas, día a día, a estes baluartes da nosa sociedade.

  • Por que non se fala de contención, máis aínda, de decrecemento urbanístico?
  • Por que non se acomete un saneamento racional, integral e descentralizado?
  • Por que non se planifican redes de depuradoras de tamaño reducido, distribuídas segundo as concas fluviais do territorio e debidamente interconectadas para transferirse carga de contaminación en caso de avería?
  • Por que non se constrúen redes separadoras de augas pluviais e residuais?
  • Por que non se obriga ao tratamento en orixe das augas residuais inorgánicas e industriais?
  • Por que non se acomete a regulación e racionalización do ciclo da auga (consumo de auga potable e non potable segundo usos, minimización da xeración de augas residuais, aproveitamento ecolóxico e de uso das augas depuradas)?
  • Por que non se sitúan os sistemas de depuración fóra dos espazos naturais teoricamente protexidos?
  • Por que non se aplica estrictamente a Directiva Marco da Auga?
  • Por que non se acomete a redución do excesivo parque acuícola de monocultivos mariños que estragan a pesca e a biodiversidade das rías?
  • Por que non se deseñan campañas intensivas de concienciación para a redución en orixe ata a súa eliminación, dos residuos sólidos que tralo seu verquido marítimo e levados pola dinámica litoral arriban en grandes cantidades aos areais da franxa supralitoral?
  • Por que non se decreta a prohibición de todo novo recheo e dique portuario, mesmo sobre pilotes?
  • Por que non se promove a pesca responsable fóra de monopolios empresariais e produtivistas, a creación de reservas ou áreas mariñas protexidas, e a protección real e efectiva dos espazos protexidos galegos?

As persoas de ben estamos fartas desta pretendida infalibilidade gubernamental, e da súa proverbial impunidade. Esixir o cumprimento das leis estase a converter nun feito revolucionario que se volve moitas veces contra nós, mostrando a sinrazón deste mundo inintelixible.

 

Unha vez máis este absurdo ven de ser confirmado desde Bruxelas cun informe da comisión de peticións do parlamento europeo sobre a contaminación das rías galegas, que describe un escenario no que non hai culpables, no que por non haber non hai case nin contaminación. Se non fose porque estabamos presentes cando viñeron os membros da comisión e os seus políticos acompañantes, habiamos dubidar da súa presenza nas rías.

 

E como non hai regra sen excepción, é xusto recoñocer a máis que digna contribución de dous membros da comisión: a austriaca Angelika Werthmann, da Alianza dos Liberais e Demócratas por Europa, e a letona Tatjana Zdanoka, dos Verdes-Alianza Libre Europea, que se negaron a que aparecesen os seus nomes e sinaturas no informe final, dado o seu frontal desacordo co presidente da comisión. Este, Philippe Boulland, do Partido Popular Europeo, tiña a última palabra e, cos votos do PP e do PSOE, sumou ás complicidades municipal, autonómica e estatal a europea, levando ás rías galegas a un campionato europeo de espazos contaminados, e deixando ás galegas e galegos reos dun crecemento incontrolado e insustentable.

 

Estanse a bater records en contido de metais pesados e contaminación química e biolóxica; en recheos faraónicos, en portos exteriores que se revelan innecesarios ou inútiles para o seu cometido; na ocupación e degradación das súas augas e do seu leito mariño polos recheos dos portos interiores e dos portos deportivos; nos efectos dun desmesurado tráfico de cargueiros, petroleiros, gaseiros e transatlánticos, na proliferación de parques industriais na misma liña do mar, de novas e impactantes autovías que co aumento do tráfico viario, desaugan residuos de hidrocarburos, metales pesados e aceites ás redes fluviais e de aí as rías, na arribada e acumulación de cinzas nos fondos mariños procedentes dos incendios forestais fruto da intencionalidade humana e da nefasta política forestal, e nas consecuencias dos pelotazos urbanísticos.

 

A degradación das rías por causas industriais ofrece exemplos palmarios de erros antigos con perseverancia nos mesmos: a permanencia das contaminantes factorías de ENCE-ELNOSA en Lourizán, a refinaría de petróleo na Coruña, a factoría de Alúmina-Aluminio en San Cibrao, a consolidación das plantas de gas natural de REGANOSA en Mugardos ou a factoría de Ferroatlántica na ría de Corcubión, son exemplos evidentes.

 

A EDAR de Vigo, cuxa defectuosa planta anterior foi construída hai ben poucos anos e con fondos europeos, invadindo o dominio público marítimo-terrestre e o ecosistema natural da Xunqueira do Lagares, está a ser destruída e levantada de novo no mesmo lugar. Esta planta repite os erros de deseño da planta orixinal e non resolve os problemas estruturais do saneamento de Vigo (unha soa EDAR, unha rede de saneamento unitaria e ausencia de depuración de augas industriais en orixe). Isto supón a consolidación dos problemas actuais: avería periódica dos sistemas de depuración, e contaminación recurrente da Ría por descargas do sistema unitario en caso de choiva, sobre todo cando é torrencial, pero tamén supón un agravamento destes problemas ata un nivel calificable de ameaza de catástrofe ambiental en caso de avería ou en caso de afluencia dun maior caudal temporal das augas residuais a tratar. Estes feitos, unidos á falta de saneamento de moitos núcleos de poboación, e ás deficiencias do resto das depuradoras da ría, especialmente as de Redondela e Cangas, conforman as condicións idóneas para o desastre.

 

As rías galegas sempre conformaron unha das zonas costeiras de máis alta produtividade biolóxica do mundo, e teñen unha excepcional relevancia xeolóxica, natural, paisaxística, social e cultural. Pero os ataques continuos a estes valores están a poñer en perigo a posibilidade de autorecuperación das rías.

 

A pesca extractiva xera só na ría de Vigo preto de 30.000 empregos e, polo tanto, é a primeira empresa da comarca. Porén, este excepcional recurso natural e ben público contempla como as multimillonarias axudas europeas non se utilizaron para mellorar a gravísima situación actual, con tendencia a empeorar, mentres as subvencións municipais, autonómicas e estatais recaen sempre en empresas privadas.

 

Que perverso milagre obran as palabras dos políticos nos oídos das persoas para que a vibración dunhas simples cordas vocais fagan ignorar a crúa realidade?

 

Tampouco esta vez será Bruxelas quen, dende o seu aparato burocrático, potente en medios e parco en inspeccións, poña no seu sitio as cousas, sinale os culpables, cambie o rumbo e poña a razón e a sustentabilidade por riba dos intereses políticos, macroeconómicos e transnacionais que por desgraza siguen a prevalecer a nivel europeo e mundial.

 

Como no poema de Manuel Antonio,

 

fomos ficando sós
o mar e nós… 
Sós.

 

Estamos sós. A insólita soidade da maioría que,
calada, paga e sofre toda esta farsa.

Máis sobre a agrupación de colectivos Galiza Non Se Vende