Xoves, 29 Jun. 2017

Actualizado10:28:06 AM GMT

Estás en Gondomar Pescadores e ecoloxistas retiran nunha semana dúas toneladas de lixo dos ríos Zamáns e Miñor.

Pescadores e ecoloxistas retiran nunha semana dúas toneladas de lixo dos ríos Zamáns e Miñor.

Correo-e Imprimir PDF
proxecto-rios
voluntarios-rios
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte

-Co apoio do Concello de Gondomar, 50 voluntarios da Asociación de Pescadores A Troita Rebelede e o Proxecto Ríos recolleron dúas toneladas de lixo dos ríos Zamáns e Miñor.

- Plásticos, cristais, botellas, rodas e entullo de variado tipo foron atopados en dúas xornadas de limpeza que deixan ao descuberto prácticas contaminantes que utilizan as canles hidrográficas como vertedoiros en varios puntos do concello de Gondomar.

As principais arterias hidrográficas de Gondomar estanse a converter nunha verdadeira entulleira, onde toneladas de lixo son depositadas por mans anónimas nas augas que dan de beber e regan o Val Miñor. Así o amosan as dúas xornadas onde medio centenar de voluntarios saíron co apoio do Concello a botar unha man e retirar parte desta desfeita que contamina día a día os principais ríos do municipio.

Domingo 22 de setembro: A Troita Rebelde retira case unha tonelada de lixo en 2 Km de río.

A xornada, que deu comezo ás 9.30 hora da mañá coa concentración dos participantes na Praza de Abastos do Concello, prolongouse ata as 13:00 horas. Vinte voluntarios  organizados polos pescadores co apoio do Concello, lograron limpar 2 quilómetros de río aproximadamente, e estímase que se retiraron preto de 800 quilos de residuos entre os cales se encontraban plásticos, cristais, botellas, rodas, etc.

Domingo 29 de setembro: O Proxecto Ríos recolle unha tonelada e media noutros treitos do Miñor e o Zamáns.

A limpeza mobilizou a case unha treintena de voluntarios repartidos en tres grupos, entre as 10 da mañá ata a 1:30 do mediodía. Dous deles limparon o treito final do río Zamáns na zona do Bravo e outro desprazouse ata Mañufe dende a ponte romana río arriba ata Gondomar centro para limpar o río Miñor.

Este grupo de voluntarios constataron e denunciaron o estado de total deterioro do treito primeiro do río Miñor “causado por movementos de terras, entullos de particulares que ano a ano rouban terreo o leito do río e que producen alteracións no seu curso e un gran dano  no seus ecosistemas”. Por riba, sinalan a actual “situación de desamparo e desinformación que existe coas obras do paseo fluvial a Ramallosa (con firme cementado), a ponte romana e a substitución das tuberías e posterior aterramento no leito do río”, segundo denunciaron despois da xornada.

Estudantes dos centros de ensino participaron da xornada de limpeza

Os organizadores destacan a numerosa participación o domingo pasado de escolares de diferentes centros de secundaria e de primaria de Gondomar. Nesta ocasión a Concellaría de Medio Ambiente colaborou aportando luvas, sacos e pinchos e a posterior recollida da tonelada e media de residuos que retiraron os voluntarios nos dous ríos.

Durante a xornada, aplicouse un protocolo de limpeza de ríos “co fin de ofrecer unhas pautas sobre cómo se debe facer unha limpeza ecolóxica nos ecosistemas fluviais”, sinalan os organizadores. Tamén se agasallou aos voluntarios cunhas camisolas co lema da limpeza.

O Concello de Gondomar chama a non utilizar como vertedoiros os ríos.

Aínda que parte do lixo recollido “é arrastrado polo propio río”, dende o Concello faise un chamamento para que os ríos do municipio “non sigan sendo utilizados como vertedoiros de lixo e desfeitos”.

Concello e asociacións agradecen a participación na limpeza e confirman que repetirán esta actuación nos ríos e mesmo estudarán novas fórmulas para potenciar esta.