Mércores, 17 Jan. 2018

Actualizado12:46:23 PM GMT

Estás en Gondomar Antonio Araúxo: “O Río Miñor foi e está a ser maltratado”.

Antonio Araúxo: “O Río Miñor foi e está a ser maltratado”.

Correo-e Imprimir PDF
R0012576

Nacionalistas acusan ao goberno de Gondomar de facer caso omiso ás múltiples advertencias sobre o deficiente mantemento da canle e beiras dos ríos que atravesan a vila.

Afirman que por mor diso as choivas destes últimos días provocaron que o  Río Miñor volvera anegar Gondomar “con importantes danos e moito dasacougo na veciñanza, principalmente na que vive perto das súas beiras”.

Engaden que a situación non é descoñecida polas autoridades pois este ano “xa nos deu un aviso a mediados de setembro cunha enchente considerable como había anos que non ocorrera en pleno verán de San Miguel”.

Adiantan que como xa o fixeran en setembro, no vindeiro pleno instarán ao goberno local para que se dirixan á Xunta para que proceda a retirar “as árbores caídas, limpeza de todo tipo de lixo, deixar o paso libre nos 5m de dominio público, eliminar a vexetación ripícola alóctona e substituíla por autóctona, e manter un control e vixilancia permanente sobre o río”.

Araúxo: “O Río Miñor foi e está a ser maltratado”.

Neste senso o portavoz municipal nacionalista, Antonio Araúxo, puntualiza que o Río Miñor “foi e está a ser maltratado coa pasividade cómplice da Xunta e dos Concellos miñoranos, é unha evidencia tan clamorosa coma delictiva. Recheos ilegais nas súas beiras, escombreiras “clandestinas”, moitos deles de cando as obras da autoestrada, zonas onde nin sequera se respectan os 5 m de dominio público para pasar, vertidos de augas fecais, patrimonio histórico ou etnográfico esmorecendo (pontes, canles de auga, lavadoiros, etc), por non falar das toneladas de plásticos, neumáticos,  colchóns ou restos de todo tipo de electrodomésticos que alfombra o seu leito”.

Aínda hai vida.

Rescata o concelleiro que “con todo hai una vida espectacular: londras, martín pescadores, tartarugas, lampreas, troitas, reos, garzas reais, parrulos, e tamén especies invasoras coma tartarugas de Florida ou visóns”.

Árbores caídas e virulencia das enchentes

Aporta probas fotográficas no senso que “todo isto é moito máis pódese ver entre a Ponte das Ánimas e a Ponte de Donas, un treito que case poderíamos cualificar de urbano, e que a maiores do maltrato sufrido, cuxos danos son en grande medida irreversibles, compre sinalar tamén as especies vexetais alóctonas, sobre todo a alcacia negra que ademais de afear a paisaxe  son as que atrancan a canle do río cando caen debido ás súas raíces superficiais e o seu grande porte”.

Engade que hai ducias destas  árbores caídas este ano que atravesan o río empresándoo, “son as que lle restan capacidade de arrastre coa conseguinte acumulación de area no leito e que producen a erosión nas beiras carentes da vexetación autóctona que suxeite a terra”. “Obviamente, este e un dos motivos principais da virulencia das enchentes que se producen con máis rapidez e con maior intensidade”, conclúe Araúxo.

Escolma de imaxes fotográficas