Domingo, 15 Dec. 2019

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Canais Ciencia e tecnoloxía Saúde Beatriz Figueroa gaña a batalla e a xustiza concédelle a incapacidade permanente

Beatriz Figueroa gaña a batalla e a xustiza concédelle a incapacidade permanente

Correo-e Imprimir PDF
beatriz xulgado

O xulgado do social número 3 de Vigo vén de conceder a incapacidade total permanente a Beatriz Figueroa, a viguesa enferma de cancro que leva meses loitando por que se recoñeza unha maior protección para os doentes desta enfermidade que estean en tratamento. Logo de recollida de centos de miles de sinaturas e dunha loita continua por ela pero por milleiros de afectados, a avogada gañou unha batalla.

O xuízo celebrouse hai trece meses despois de que Figueroa vise como se lle denegaba por terceira vez a incapacidade permanente. Por iso, demandou o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), que hai tan só unhas semanas argumentou que a galega Beatriz Figueroa é apta para traballar porque o tumor que sofre está controlado e tras non ter en conta o duro tratamento, ese que permite o control da súa enfermidade. Agora gañou a batalla.
Este ditame permite a avogada viguesa ver aumentados os seus ingresos nuns 120 euros ao acadar unha pensión do 55% da súa base regulativa dos últimos anos nos que traballou. Hoxe en día cobra 426 euros a través dun subsidios e logo de esgotar a súa prestación por desemprego, unha cantidade co que tamén fai fronte ao 40% dos gastos en menciñas.
Beatriz Figueroa leva na loita tres anos. Vén de presentar medio millón de sinaturas ante o Congreso dos Deputados, onde presenciou como tan só o Partido Popular votaba en contra da toma en consideración da súa proposta -presentada polo BNG- na que solicitaba a incapacidade permanente, non definitiva, para os doentes de cancro sometidos a un tratamento e mentres non se produza a súa curación. Ese é o seu caso e a súa petición, coa que insistiu no xulgado número 3 do social de Vigo na súa causa contra o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS). Unha reclamación que lle fora negada en tres ocasións xa.
Malia gañar unha batalla, a súa loita segue. O que pretende é un cambio de lei para que estas incapacidades non teñan que ser recoñecidas nos xulgados e tras meses de pelexa, senón que se faga a través dunha valoración médica. A avogada e xornalista insiste en que o motivo polo que o PP se nega a tan sequera debater un cambio normativo é económico.
A súa historia é dura. No mes de marzo de 2011, diagnosticábanlle cancro de mama. Despois de perder o seu traballo e dunha depresión, pasa dúas veces polo quirófano, maio de 2011 e maio de 2012, por un proceso de quimioterapia. Ao esgotar a prestación por desemprego, solicitou o pago directo ao INSS por incapacidade temporal, pero malia ter cotizado máis de 20 anos, e unha vez rematada a prestación, recibe unicamente eses 426 euros que, segundo a propia Administración di, son dabondo para as "necesidades de vivenda, alimentación e vestido", polo que son incompatíbeis outras axudas económicas complementarias. Esta é a única axuda que recibe, pero o medicamentazo aplicado polo Goberno auméntalle as dificultades ao non estar exenta do pago do 40% das menciñas. Beatriz Figueroa incluso apostou por levar adiante unha folga de fame do 21 de maio ao 21 de xuño do 2013, que os médicos lle aconsellaron deixar polo seu feble estado de saúde. Logo decidiu cambiar de táctica e lanzou, en xaneiro deste ano, a iniciativa en Change.org para recoller sinaturas a prol dunha proposta lexislativa, elaborada polo catedrático de Dereito do Traballo da Universidade de Vigo, Jaime Cabeza. Nela aclárase que a Lei Xeral da Seguridade Social ten que ser modificada para outorgar unha protección especial ás persoas doentes de carcinoma que lles dea "unha seguridade xurídica e económica". Todos os partidos aceptaron tomar en consideración a proposta para modificar a normativa. Todos agás o PP, que rexeitou calquera cambio.

Do xornal colaborador Praza Pública