Domingo, 22 Oct. 2017

Actualizado12:46:23 PM GMT

Estás en Canais Ciencia e tecnoloxía Saúde O PP rexeita no Congreso dar maior protección aos enfermos graves con menos de 400€ de ingreso.

O PP rexeita no Congreso dar maior protección aos enfermos graves con menos de 400€ de ingreso.

Correo-e Imprimir PDF
10154315 1489615874584674 1216220339645870869 n

O PP impediu este mediodía que a Comisión de Emprego e Seguridade Social aprobase a proposición da portavoz do BNG, Olaia Fernández Davila, destinada a mellorar a protección a persoas que padecen cancro e outras doenzas graves, con ingresos menores a 400€. Trala presentación de emendas por parte do PP, PSOE e Esquerda Plural, a deputada nacionalista tratou de negociar un texto de consenso, que finalmente non foi aceptado polo grupo popular, o que concluíu con 23 votos en contra fronte aos 18 a favor.

A iniciativa que os nacionalistas levaron ao Congreso  dos deputados é autoría de Beatriz Figueroa, avogada e xornalista viguesa que en medio dunha longa batalla contra o cancro que padece dende hai 3 anos,  logrou acadar 400 mil sinaturas en apoio a un cambio na Lei da Seguridade Social que redactara xunto co catedrático de Dereito Laboral da Universidade de Vigo, Jaime Cabeza.

O PP gábase dunha cobertura social solidaria “e de reparto”.

Davila intentou chegar a un acordo xeral con todos os grupos parlamentares, incluído o grupo popular, ofrecendo un texto de consenso que non foi aceitado polo PP.  A popular Celinda Sánchez García (Palencia) expresou que “temos un sistema solidario e de reparto” polo que pretendía limitar a emenda a que o Goberno  “avalíe e estude posíbeis medidas dentro do marco das pensións de invalidez non contributivas”, algo que o BNG considerou insuficiente “e que se queda moi curto dada a problemática que sofren os afectados de cancro e enfermidades graves”. Para Davila é un tema que precisa de maior implicación da Administración, máis alá de estudos e avaliacións.

B. Figueroa: “O que pretendía (o PP) é negarnos o que nos corresponde en función da nosa vida laboral

Máis contundente foi Beatriz Figueroa que a pesar dunha recaída na doenza seguiu atentamente o debate dende a súa casa: “O que pretendía é negarnos o que nos corresponde en función da nosa vida laboral, polos anos cotizados e a nosa base de cotización e darnos unha esmola non contributiva como as que hai por minusvalias superiores ao 65% que non chegan a 390,00€”, afirmou a este medio.  Engadiu que este sistema “solidario e de reparto” que defende o PP por riba, “non che recoñece a condición de pensionista e pagas o 40% dos medicamentos”.

Agrega Beatriz que esa retribución non contributiva que actualmente reciben os doentes  desempregados trala finalización do paro “son incompatibles con calquera actividade, a diferenza das incapacidades que poden ser para o teu posto de traballo pero realizar outra actividade.Como é o meu caso, teño dereito a ela pero é incompatible co miserable subsidio de 426,00€”, apunta.

Olaia Fernández: “O Goberno debe lexislar porque se viven situacións dramáticas”

A parlamentar do BNG explicou os problemas e o desamparo que sofren moitos afectados de carcinomas e outras enfermidades graves canto se lles diagnostica a doenza e están no paro ou incluso traballando.

Davila criticou que desde o ano 1997 non se desenvolveron distintos preceptos recollidos na lexislación en canto á listaxe de enfermidades e a avaliación das mesmas e a cualificación da incapacidade permanente. “É unha das tarefas pendentes de abordar que existen en materia de Seguridade Social” e lembrou que “a cualificación de incapacidade permanente constitúe unha cuestión diferida a criterios valorativos da Equipa de Valoración de Incapacidades, que fai a súa proposta á cualificación da Dirección Provincial do INSS, e logo finalmente remata no Xulgado do Social”.

Puxo de manifesto que é un proceso excesivamente burocrático e lento para persoas con estas doenzas. “As persoas diagnosticadas de carcinomas ou patoloxías graves, xa teñen dabondo coa enfermidade como para ter que engadir o factor de incertidume por un proceso burocrático longo”.

Ademáis, subliñou o problema que afrontan, debido a tratamentos longos, para manter o vínculo co mercado de traballo. “Cando esgotan a prestación por incapacidade temporal poden ser cualificadas ou non como incapacidades permanentes, e manteñen un vínculo profesional debilitado que en ocasións remata con extincións derivadas da súa enfermidade”.

A desprotección, recalcou, é maior cando se trata de persoas en situación de desemprego, protexido ou non. Soen rematar en prestacións asistenciais que os deixa moi desamparados e desamparadas.

A parlamentar nacionalista resaltou que “estamos ante unha situación grave e a movilización de afectados como Beatriz Figueroa así o poñen de manifesto. É o reflexo da situación de desesperación que moitas persoas que viven unha situación dramática”. Por iso  instou ao Goberno a actuar e a asumir o que o BNG trouxo ao Congreso “intentando ser a voz dos afectados”.