Xoves, 19 Oct. 2017

Actualizado12:46:23 PM GMT

Estás en Canais Ciencia e tecnoloxía Saúde Día internacional contra o cancro: “no peor dos casos mata, no mellor perdoa, e en moitas ocasións mutila.”

Día internacional contra o cancro: “no peor dos casos mata, no mellor perdoa, e en moitas ocasións mutila.”

Correo-e Imprimir PDF
concentracion-cancro

-Desafiando a treboada un centenar de persoas concentráronse no “Día internacional contra o cancro” a prol dunha cobertura digna para os pacientes con esta doenza, diante do INSS en Coia.

Este martes 4 de febreiro “Día Internacional contra o cancro” tivo lugar unha concentración diante do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) en Coia, na procura de protección socioeconómica para as persoas que sofren a enfermidade. Convocada por Beatriz Figueroa, paciente con esta doenza e autora dunha iniciativa parlamentaria a prol de garantir unha cobertura digna aos pacientes, case un centenar de persoas achegáronse para acompañala a pesar da treboada que afectou durante todo o día o país.

Unha loita a dúas frontes

A batalla contra o cancro líbrase en dúas frontes. O primeiro, ben coñecido por todos, é a propia enfermidade, que ”no peor dos casos mata, no mellor perdoa, e en moitas ocasións mutila. Os que nos atopamos dentro deste terceiro caso vémonos obrigados a loitar nunha segunda fronte: o da Administración”, sinalaba Beatriz Figueroa tras rematar a concentración

“Os que sufrimos un cancro que nos imposibilita para exercer o noso oficio durante un longo período de recuperación, se na data do diagnóstico estamos en desemprego contributivo, cobrando o paro, cando se esgota pasamos a percibir do INSS independentemente dos anos que traballemos e da base de cotización 426,00€ e temos que abonar a achega do 40% dos medicamentos, imprescindibles para a nosa supervivencia”, denuncia.

O debate chega ao Congreso dos Deputados

Por este motivo, a deputada Olaia Fernández Dávila do BNG, presentou no Congreso dos Deputados unha proposición de lei e unha proposición non de lei que insta  ao Goberno a mellorar a protección laboral e de seguridade social das persoas enfermas de cancro.

 Elaborada por un experto na materia, o catedrático de Dereito do Traballo e Seguridade Social da Universidade de Vigo Jaime Cabeza Pereiro, proponse a modificación da Lei Xeral de Seguridade Social para que se considere en situación de incapacidade permanente a toda persoa diagnosticada dun carcinoma unha vez que esgotado o prazo máximo de duración da incapacidade temporal ata que a súa curación sexa presumiblemente definitiva.

En concreto, demanda que se manteña esta cualificación ata que o enfermo, “ pase a unha situación na que as revisións médicas derivadas da súa doenza prolónguense, cando menos, en espazos de tempo de seis meses”.

Na procura de máis apoios

“O cancro non ten partidos nin ideoloxías” sinalaba Beatriz no correr da mañá . Por iso durante estes días está na procura de contactos con outros partidos políticos que sumen o seu apoio cando o proxecto entre a debate no Congreso. Segundo sinalou a VM, durante a concentración deste luns estivo presente a concelleira  viguesa de Benestar e Igualdade, Isaura Abelairas do PSOE, quen iniciará xestións para que o seu partido tamén acompañe a iniciativa.