
A movida política iniciada polos traballadores de emerxencias e os concelleiros do BNG do Val Miñor ante a supresión parcial do servizo de ambulancias 061 agora chega ao parlamento galego. "Que se proceda de xeito inmediato e urxente a revogación da decisión de suprimir a segunda ambulancia do 061 ubicada en Baiona para a atención do Val Miñor". E que se "reverta á situación anterior, restablecendo o servizo pleno, mediante o mantemento do servizo da segunda ambulancia medicalizada para a área de Vigo", son as demandas presentadas está mañá polo Bloque ante o Parlamento Galego. Con carácter de Proposición non de lei, dirixida ao goberno galego, os deputados nacionalistas Henríquez Viéitez Alonso, Carme Adán Villamarín e Ana Luisa Bouza Santiago, subscriben un escrito onde acusan ao goberno popular autonómico de "poñer en risco a atención das urxencias nos tres concellos do Val Miñor."