Domingo, 19 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor O cese da ambulancia nocturna de Baiona ingresa a debate no parlamento galego.

O cese da ambulancia nocturna de Baiona ingresa a debate no parlamento galego.

Correo-e Imprimir PDF
Sindicatos, concelleiros e veciños do Val Miñor protestan ás portas do Concello de Baiona.

A movida política iniciada polos traballadores de emerxencias e os concelleiros do BNG do Val Miñor ante a supresión parcial do servizo de ambulancias 061 agora chega ao parlamento galego. "Que se proceda de xeito inmediato e urxente a revogación da decisión de suprimir a segunda ambulancia do 061 ubicada en Baiona para a atención do Val Miñor". E que se "reverta á situación anterior, restablecendo o servizo pleno, mediante o mantemento do servizo da segunda ambulancia medicalizada para a área de Vigo", son as demandas presentadas está mañá polo Bloque ante o Parlamento Galego. Con carácter de Proposición non de lei, dirixida ao goberno galego, os deputados nacionalistas Henríquez Viéitez Alonso, Carme Adán Villamarín e Ana Luisa Bouza Santiago, subscriben un escrito onde acusan ao goberno popular autonómico de "poñer en risco a atención das urxencias nos tres concellos do Val Miñor."

A medida xurde en resposta á decisión da Xunta de Galicia de suspender os servizos dunha ambulancia con base en Sabarís (Baiona) na quenda da noite dende os días domingo aos xoves a partir do próximo 10 de setembro. Deste xeito, nese intre queda só un móbil sanitario con base no centro de saúde da Xunqueira (Nigrán) entre as 22h e 10h. A isto súmase que hai 6 meses, o goberno autonómico retirou de servizo unha ambulancia medicalizada que abranguía a Área Metropolitana de Vigo, que acolle o territorio miñorán.

Baiona terá 6 minutos máis de atraso na cobertura co novo modelo de urxencias.

Entre os fundamentos da iniciativa, os nacionalistas afirman que a supresión da ambulancia con base en Sabarís,  retardará polo menos en 6 minutos a chegada de auxilio á vila de Baiona, pois o móbil asistencial partirá agora dende A Xunqueira . Esta demora en relación ao servizo actual "pode resultar vital en caso de situacións críticas", afirman. Unha situación á que os representantes do bloque suman a duplicación dos habitantes do Val Miñor na tempada do verán.

Enquisas a prol de entender a política en materia de saúde para o Val Miñor de parte da Xunta.

Os mesmos deputados asinantes da proposición non de lei, achegaron catro preguntas ao goberno galego, motivadas na certeza dos nacionalistas de que o goberno de Núñez Feijoo "mantén unha presión constante sobre os servizos públicos, nomeadamente aqueles de maior trascendencia para a saúde das persoas, namentres non ten ningún reparo en seguir malgastando cartos en publicidade ou en actividades prescindíbeis asegurando, iso si, de que tamén da necesidade das persoas pódese obter beneficio para o negocios privados".

Así, os nacionalistas preguntan "Cales son as razóns que levan a suprimir o servizo de ambulancias actual para a atención do Val Miñor?" "Cales son as asistencias prestadas por este servizo que vai suprimir o actual Goberno galego dende que está gobernando" "É consciente do impacto que a nova situación xera para o conxunto da poboación, nomeadamente cando supera  con creces o dobre en determinadas épocas do ano?" E por último a agrupación nacionalista enquisa "Como vai garantir o nivel de prestación deste servizo sen poñer en perigo a vida das persoas en determinadas situacións de risco?"

EU do Val Miñor tamén rexeita a supresión do servizo nocturno e solidarizase cos traballadores.

Nun comunicado público asinado polas agrupacións de militantes de Esquerda Unida de Baiona, Gondomar e Nigrán, esta agrupación rexeita a medida da Xunta e solidarízase cos traballadores afectados. Esta corrente política súmase ás reivindicación xa feitas nesta materia polas agrupacións nacionalistas da bisbarra, as que tamén foron apoiadas publicamente polo PSOE de Nigrán.